Igualdad

Verín, primeira biblioteca galega para a igualdade

Mariana Carballal, Diego Lourenzo, Rosa María Rodríguez e Aurora Prieto. (Foto: Carlos Montero)
photo_camera Mariana Carballal, Diego Lourenzo, Rosa María Rodríguez e Aurora Prieto. (Foto: Carlos Montero)
O tenente alcalde asinou un convenio coa asociación Clásicas y Modernas

A Biblioteca municipal de Verín será a primeira de toda Galicia en formar parte do proxecto "Bibliotecas en igualdade", promovido pola asociación Clásicas y Modernas. Esta entidade, coa que o Concello asinou un convenio no día de onte, procura a igualdade de xénero na ciencia e a cultura e foi fundada en 2009 por mulleres profesionais da literatura, o xornalismo, a música, o teatro ou o cinema. Clásicas y Modernas naceu co obxectivo de difundir e promover as políticas de desenvolvemento da igualdade na creación, tanto nacional como internacional.

O convenio de adhesión foi formalizado por Diego Lourenzo Moura, alcalde en funcións de Verín, e por Rosa María Rodríguez, vicepresidenta de investigación e cultura da asociación Clásicas e Modernas. Tamén estiveron presentes a actriz e directora, Mariana Carballal -como secretaria da asociación- e Aurora Prieto Tarrío, responsable da Biblioteca.

A partir da adhesión ao proxecto "Bibliotecas en Igualdade" lanzarase unha gran campaña de concienciación, capitaneada pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coas bibliotecas das diferentes Comunidades Autónomas, destinada á recuperación e posta en valor das obras escritas por mulleres. Preténdese outorgar  unha maior visibilidade ás escritoras, completando os fondos bibliográficos en relación ás ausencias de obra literaria e intelectual escrita por mulleres de todos os tempos. Tamén se promoverá a adquisición de obras de lectura e consulta buscando equilibrio na autoría e facilitando o acceso ás novidades asinadas por homes e mulleres; así coma o avance na confección dun catálogo dixital con especial atención ás autoras. 

Por outra banda, os responsables da Biblioteca municipal crearon estes días "O recuncho das palabras" nas propias dependencias. Trátase dunha "árbore" onde se amosan, colgadas, tarxetas nas que se poden ler citas de autores. A Biblioteca de Arxentina e a Fundación Jorge Luis Borges colaboraron co proxecto.

Te puede interesar