Monterrei

Verín recupera a antiga lonxa agropecuaria para uso público

Monterrei

Verín recupera a antiga lonxa agropecuaria para uso público

O Concello ultima o acondicionamento da lonxa, construida na década dos 90.
photo_cameraO Concello ultima o acondicionamento da lonxa, construida na década dos 90.
O espazo, construido nos 90, reabrirá mañá cun congreso gastronómico de profesionais especializados

A antiga lonxa agropecuaria de Verín, edificada na década dos 90 e ubicada na rúa San Antón -preto do Auditorio Municipal- reabrirá as súas portas mañá venres cun congreso gastronómico de primeiro nivel que reunirá a prensa especializada e sumilleres de toda Europa: o Bioceánico-Hispano de Gastronomía -Enbhiga-. Deste xeito, a lonxa -que nunca se empregou como tal, senon para fins empresariais- volverá a albergar actividade no seu interior. Así o adiantou o rexedor local, Gerardo Seoane, quen anunciou a elaboración dun proxecto específico para acometer unha reforma do inmoble ao longo do vindeiro ano e estudar, posteriormente, as súas posibles utilizacións. "Agora mesmo fixemos unha limpeza e acondicionamento da lonxa e encargamos un proxecto para recuperala para uso público", afirmou Seoane. "Nunca se tocou dende que se fixo e é necesario reestructurar o espazo para que poida ser empregado para eventos, exposicións, ocio e actividades de todo tipo", engadiu. 

A lonxa agropecuaria é de titularidade municipal e chegou a ser empregada tamén como almacén. Mañá volverá a abrir as súas portas para converter a Verín nunha das primeiras paradas en Europa dunha feira que colleitou un grande éxito durante as tres edicións anteriores celebradas en diferentes países de América Latina. 

O Concello de Verín elaborará un proxecto de reforma e estudará os posibles usos aplicables ao inmoble

Trátase, segundo explicaron dende o Concello de Verín, dun encontro internacional de gastronomía que naceu fai catro anos en Arxentina e que se celebrará por primeira vez en Europa, percorrendo durante cinco días a provincia de Ourense entre o 15 e o 19 de outubro da man de máis de 70 chefs, operadores turísticos e xornalistas especializados de 15 países do mundo. 

O encontro terá partida e final en Madrid -en atención á importante cantidade de invitados internacionais- e percorrerá preto de 1.000 quilómetros pola xeografía galega.

Na lonxa agropecuaria de Verín os asistentes poderán asistir a un túnel do viño, degustar comidas populares da zona e visitar varios stands. Neste senso, Enbhiga pretende mostrar comarcas pouco coñecidas, así como oficios e produtos tradicionais . Tamén poñer de manifesto o enorme potencial de Ourense como destino para un turismo gastronómico desestacionalizado.

O roteiro percorrerá outras comarcas da zona de Ourense como as de Valdeorras, Ribeira Sacra, Terras de Trives, O Ribeiro ou Terras de Verín.

Más en Monterrei