OCIO

Verín reeditará o seu programa infantil Kero Kolo este mes de xaneiro

O programa está destinado a nenos e familiares.
photo_camera O programa está destinado a nenos e familiares.
As inscricións poderán realizarse a partir de este xoves no servizo de deportes do Pavillón municipal de Verín

O programa infantil Kero Kolo regresará a Verín a partir do vindeiro martes, día 14 de xaneiro. A iniciativa está promovida dende a Concellería de Deportes do municipio. 

Kero Kolo xorde co obxectivo de converterse nun espazo de encontro entre familias e menores - poden participar cativos de entre un a tres anos de idade- onde, acompañados pola persoa encargada de dirixir as sesións, crearase un espazo relacional, “asentando deste xeito as bases para crear unha sólida educación e convivencia con outros iguais”, explican dende o Concello de Verín. 

O programa, que se desenvolverá todos os martes e xoves, dende as 11,00 horas ata as 12,30 horas, na aula de psicomotricidade do Pavillón Municipal de Deportes, terá como obxectivo crear unha serie de actividades de interacción e participación entre os menores e as familias. 

Nas distintas sesións desenvolveranse iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas polos participantes. Trátase de fomentar unha aula de convivencia que se convertirá nunha antesala de entrada ao centro educativo futuro. Tamén se pretende, do mesmo xeito, compartir experiencias cotiás.

As inscricións previas poderanse realizar no Servizo de Deportes ubicado no Pavillón Municipal ou chamando ao teléfono 988 41 11 40, a partir de hoxe, día 9 de xaneiro de 2020.

Te puede interesar