camiño a santiago

Verín sumarase á iniciativa “Vive o camiño" con varias actividades

A xornada comezará cun percorrido de dúas horas polo río Támega que contará coa presenza dun guía e un experto

A iniciativa "Vive o camiño" chegará á vila de Verín o vindeiro sábado, día 26 de outubro. Durante a xornada haberá distintas actividades programadas pola Xunta de Galicia, en colaboración co Concello, co obxectivo de promocionar o Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo 2021. 

O primeiro dos actos programados será unha andaina polo río Támega. A mesma partirá ás 10,00 horas dende a Praza do Concello de Verín e contará co acompañamento dun guía oficial e dun experto en patrimonio natural. O percorrido total terá unha duración aproximada de dúas horas. 

Por outra banda, a sala multiusos do Auditorio de Verín acollerá, a partir das 16,30 horas, dous obradoiros: un deles levará o nome de "Memorias de Prata" e estará destinado a un público adulto. O segundo, "Xogando coa natureza", será para os máis cativos. Para finalizar a xornada terá lugar no hall do Auditorio, ás 17,30 horas, a actividade "Catar o camiño".

Todas as propostas serán gratuítas pero será necesario realizar unha inscrición previa dende o luns dia 21 ate o venres día 25, en horario de 09,30 a 13,30 horas, no teléfono 722 876 073. O programa "Vive o Camiño" é un conxunto de actividades enfocadas ás poboacións polas que transcorre o Camiño de Santiago que busca dar a coñecer as singularidades patrimoniais e gastronómicas de cada zona, neste caso da Vía da prata.

Te puede interesar