Día Internacional da Muller

Verín tínguese de violeta para conmemorar o 8 de marzo

8M VERÍN 2021
photo_camera Un dos paneis conmemorativos do 8M na rúa Lisa de Verín.
O Concello de Verín súmase á loita do 8M colocando paneis nas rúas con mensaxes feministas

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, en Verín realizaranse unha serie de actividades impulsadas por Femuro, CDR Portas Abertas, Asociación Feminista Nosas e Marcha Mundial das Mulleres, en colaboración co Concello de Verín e a Asociación de Empresarios -Aever-.

Estas accións, que se difundirán polas rúas do municipio, teñen como obxectivo mostrar e recordar que o movemento feminista continúa moi vivo a pesar da situación social e sanitaria.

As actividades que se realizarán este 8M buscan poñer en valor o espírito comunitario que se respirou na última gran manifestación do ano 2020 -1M-. A acción máis visible será unha escolma de fotografías ubicadas nos lugares que acolleron a cita, principalmente a Praza García Barbón, onde terán lugar outras iniciativas co mesmo obxectivo.

As entidades organizadoras animan á poboación  a que colguen nos seus balcóns prendas violetas ou carteis reivindicativos. Ademais, Aever tamén se une á iniciativa decorando os escaparates con motivos feministas. 

Pola súa parte, o Concello de Verín colabora nesta ocasión a través de paneis colocados nas rúas principais nos que se poderán ler mensaxes feministas. 

"Sen coidados non hai vida"

Un ano atrás, a manifestación organizada por Galegas 8M en Verín atraeu a 6.000 persoas baixo o lema "Sen coidados non hai vida", lema que continúa vixente este ano. Aquela manifestación supuxo un impulso ao movemento feminista en Verín que agrupa a diversas entidades que traballan en rede e actúa no ámbito educativo, social, laboral, asociativo e do activismo.

Te puede interesar