monterrei

Verín ultima os detalles do campamento da Mezquita

O grupo de escolares do último campamento celebrado na Mezquita.
photo_camera O grupo de escolares do último campamento celebrado na Mezquita.

O obxectivo será fomentar o respecto pola natureza e o medioambiente nos máis novos

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín ultima todos os preparativos de cara ao campamento infantil que se celebrará este verán no albergue da estación de ferrocarril de Vilavella, na Mezquita. Estará enfocado a menores con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos, que se repartirán en dúas quendas: unha primeira entre o 20 e 26 de agosto na que participarán os nados nos anos 2007, 2008 e 2009; e unha segunda na que estarán os nados nos anos 2004, 2005 e 2006, e que se prolongará entre o 26 de agosto e o 1 de setembro. 

O obxectivo será fomentar o respecto pola natureza e o medioambiente nos menores, valorizar a importancia da reciclaxe e promover a convivencia mediante actividades lúdicas e educativas como a tirolina, ponte tibetana, escalada en rocódromo, tiro con arco, obradoiros, visitas, xeolocalización e piscina, entroutras moitas. 

O prazo de inscrición comezará este 6 de xuño, e as solicitudes terán que cubrirse na propia oficina. O número de prazas totais será de 90.

Te puede interesar