AVENTURA

O verinés Óscar Conde presenta a súa viaxe en moto dende Galicia ao Nepal

Á esquerda, o aventureiro verinés Óscar Conde no Nepal.
photo_camera Á esquerda, o aventureiro verinés Óscar Conde no Nepal.
O salón de actos da Casa da Cultura de Verín acollerá o vindeiro sábado, 25 de maio, ás 19,30 horas, a presentación da viaxe en moto que realizará o aventureiro Óscar Conde, natural da vila verinesa.

Desta vez, a súa travesía partirá da capital galega, Santiago de Compostela, pasando por Verín, e con destino Katmandú, a capital do Nepal. Ao longo deste traxecto percorrerá, entre outros, Italia, Croacia, Montenegro, Albania, Macedonia, Grecia, Irán, Paquistán e a India.

O asiduo viaxeiro dará inicio á aventura o próximo setembro e rematará en novembro deste mesmo ano, percorrendo máis de 17.000 kilómetros ao longo dunhas seis semanas de viaxe.

Durante a presentación proxectarase tamén un documental sobre a viaxe á estrada máis alta do mundo, “Khardung La”, na India, a 5.600 metros de altura. 

Ao remate da proxección, e da man dos convidados Miguel Ángel Prieto (“Frei Chitín”) e Carlos Damorín, presentarase a gala solidaria “Gala Entroideira polo Nepal”, que terá lugar no Auditorio Municipal de Verín o día 29 de xuño. Neste evento proxectarase ademais o filme “Frei Chitín e o Triángulo Máxico”.

A recadación íntegra da gala será doada á ONG “Abrazando Nepal”.

Te puede interesar