Unha verinesa estuda o impacto do Entroido na identidade social

paula campos
photo_camera La verinesa Paula Campos.
Paula Campos: "Como verinesa e lazana que son, é unha iniciativa moi significativa a nivel particular"

Paula Campos, unha moza de Verín con familia en Laza, está a elaborar o seu traballo de fin de grao sobre o Entroido e o valor que ten este na idiosincrasia dos seus veciños, baixo o título “Educación e Patrimonio cultural. O Entroido ourensá como eixo de desenvolvemento comunitario”. “Como verinesa e lazana que son, trátase dunha iniciativa realmente significativa a nivel particular, xa que intentarei destacar o valor, relevancia e riqueza que a nosa cultura posúe, levándoa máis aló da mirada festiva e observándoa dende o punto de vista pedagóxico”, explica a alumna de Pedagoxía.

Este traballo, baixo a dirección do profesor Alexandre Sotelino da Universidade de Santiago de Compostela,  ten como obxectivo vincular o Entroido ourensá co desenvolvemento identitario e comunitario dos colectivos que o viven. Para iso, ao longo do proxecto levarase a cabo unha recollida de información, a través de varias entrevistas e a análise documental sobre esta celebración dende unha perspectiva pedagóxica, incidindo na súa concepción comunitaria, educativa e cultural. 

“Moitos ven o Entroido como unha simple festa, pero nós queremos coñecer a repercusión que estas tradicións de índole popular teñen na construción da cidadanía e a súa influencia nas dinámicas participativas anuais, superando a temporalidade do propio ciclo festivo”, engade Paula Campos, quen teñe dende nena ese sentimento arraigado do Entroido.

Deste xeito, o estudo centrarase na provincia, con foco principalmente na comarca de Monterrei, dada a “gran riqueza e impacto dos diferentes entroidos que inundan a Galicia interior de norte a sur e de este a oeste, promovendo iniciativas veciñais e asociativas en torno a esta celebración”, conclúe o profesor universitario.

Te puede interesar