Monterrei

As visitas ao cemiterio en Todos os Santos serán de 30 minutos

Monterrei

As visitas ao cemiterio en Todos os Santos serán de 30 minutos

Una mujer visita un cementerio en el Día de Todos los Santos, el año pasado. (Foto: Martiño Pinal)
photo_camera Una mujer visita un cementerio en el Día de Todos los Santos, el año pasado. (Foto: Martiño Pinal)

O Concello de Verín elaborou un protocolo especial de cara á celebración do Día de Todos os Santos. Como anunciara xa a pasada semana o rexedor local, Gerardo Seoane, efectivos de Protección Civil colaborarán nun operativo co que se pretende evitar as aglomeracións de persoas no cemiterio e dada a situación que se vive actualmente pola pandemia do covid. 

Por unha banda, o horario de apertura e peche desta instalación os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro prolongarase dende as 09,00 horas, ata as 21,00 horas, ampliándose, desta maneira, o habitual para así facilitar as visitas a todos os cidadáns que queiran achegarse ao camposanto.

No que atinxe ás medidas organizativas establecerase, mediante cartelería situada en puntos estratéxicos, información sobre as normas sanitarias a seguir e Protección Civil de Verín, pola súa banda, proporcionarán xel hidroalcohólico á entrada do cemiterio. Tamén haberá un dispositivo conformado por estes voluntarios destinado a controlar o aforo no que se establecerá un máximo de catro persoas por grupo de visitas do mesmo grupo familiar e convivintes. Neste senso, a duración das visitas non poderá superar os 30 minutos.

Dende o Concello de Verín advirten que se deberá evitar o contacto físico, manter a distancia interpersoal de 1,5 metros e seguir a normativa vixente en Galicia en canto ao emprego obrigatorio de máscara cirúrxica ou hixiénica, así como da correcta hixiene de mans. Recoméndase tamén o emprego de panos desbotables.