As xornadas de Novela Negra reúnen a 1.600 persoas no Auditorio de Verín

V Xornadas de Novela Negra de Verín
photo_camera Xornadas de Novela Negra o pasado venres. (Foto: C.C.).
Emilia Somoza: "Esta proposta é un dos eventos máis importantes da completa axenda cultural da vila"

Un total de 1.600 persoas participaron nas V xornadas de novela Negra de Verín, organizadas pola Biblioteca Municipal. O acto programado para os centros educativos contou con 156 participantes, mentres que ás citas do venres asistiron 680 persoas e ás do sábado 764. Dende a entidade cualifican estes datos como “un gran éxito de participación, é un claro indicativo de que este evento está xa totalmente consolidado na axenda cultural da vila do Támega”. 

Dende a concellería de Cultura, Educación e Festexos do Concello de Verín quixeron felicitar aos organizadores por dar continuidade a esta proposta “que xa é un dos eventos máis importantes da completa axenda cultural verinesa”, anota Emilia Somoza, responsable da área. “Os resultados son excelentes en todas as actividades programadas no marco destas xornadas”, engade. 

Pola súa banda, Vicente Rodríguez y Aurora Prieto, responsables da Biblioteca de Verín, quixeron “agradecer ao público a súa fidelidade e, como sempre, recoñecer o gran esforzo e apoio mostrado por todos os nosos voluntarios, colaboradores e patrocinadores, así como o de todos os autores e expertos que participaron nesta edición das xornadas e tamén, como non, a dilixencia mostrada polo propio Concello á hora de facilitar as xestións necesarias para facer posible este evento”. 

Esta edición, baixo o título “Back in Black”, amosou un ano máis que “Verín volveu ao negro per esta vez cunha vinculación especial ao mundo da música”, sinalan dende a organización, os que tamén desfrutaron dun concerto enmarcado nas xornadas. 

Te puede interesar