Xosé Gómez Rivada: “Traballo co que me apetece, non teño que estar pegado a un pincel"

2020011508415347459
"Se ao ser humano lle traballara un pouco máis o cerebro non estaría destruindo o mundo", afirma o autor

O artista verinés Xosé Rivada inaugurou este martes a súa exposición, "Ideas fuxidas", na Sala de exposicións de Verín. De estilo experimental e crítico, Rivada viaxou por todo o mundo e regresou á súa vila familiar para amosar as súas últimas creacións. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 8 de febreiro na Sala de exposicións de Verín. 

En que consiste Ideas fuxidas, a mostra que vén de inaugurar en Verín?

Eu traballo moito coa escultopintura dende hai moitos anos, preto de 20. Teño a oportunidade de controlar o que son os sopletes e me dedico a esta rama e ás esculturas públicas. Nesta exposición presento esculturas en ferro tratado e outras dúas en mármore moi interesantes. 

Cantas pezas integran a colección?

En ferro son catro pezas moi bonitas, onde se ve reflexado o tema da música, que sempre me gustou. Tamén a pesca e os cigarróns do  Entroido de Verín. Non é o clásico cigarrón ao que está a xente acostumada, xa que eu son moi picasiano. A cabeza pesa uns 50 kilos. No cuarto pequeno da sala, que é moi curioso, presento catro pinturas de tamaño mediano e dun corte expresionista puro e duro. A temática son as flores. No medio aparece unha muller en mármore negro para acompañar as catro obras. Ten boa crítica. 

En que están inspiradas as súas creacións?

Eu son de pensamento libre, pero dentro da miña cabeza sempre está o peixe, porque está relacionado co río ou ca auga, que sempre os tiven preto en calquera parte do mundo na que vivín. O peixe para mín é un símbolo de liberdade.

As súas son “ideas" fuxidas pero sempre coa presenza do mar.

Si, sempre. Son cousas que non poden faltar, o mar e a auga sempre teñen que estar ao meu carón. 

Que técnica emprega nos seus traballos?

Eu traballo co que me apetece, non preciso estar pegado a un pincel. 

Que pretende espertar no público coas experimentacións que vostede fai?

Vexo que hai unha destrucción masiva. A miña obra é crítica totalmente. Plasmo as miñas ideas sempre, e non estou suxeito a nada. Logo é o espectador quen a ten que levar a cabo, ten que traballarlle a cabeza. Se ao ser humano desta sociedade, lle traballara un pouco máis o cerebro, non estaría destruindo o mundo. Xogo moito co mundo tranxénico, do que estou totalmente en contra. Sempre fun moi rebelde. Sei que moitos dirán que estou coma unha "caldeireta" pero non me están aportando nada novo (ríe). Eu xa sei que estou tolo perdido, pero no medio da miña tolemia estoulle dicindo á sociedade o que está pasando. 

Dixo a crítica de arte Magdalena Busutil que vostede non é un creador convencional e que os seus traballos non son dodados de asumir. 

Exactamente. Eu sempre fun moi revolucionario e moi traste. Eu plasmo a miña obra, que é moi dura, pero as críticas que teño polo mundo adiante adoitan ser boas. 

É a primeira parada de “Ideas fuxidas"? 

En Verín, si. A anterior tívena no museo de Ourense. É a segunda vez que exhibo "Ideas fuxidas".

Te puede interesar