ENTREVISTA

"O Bosque do Pracer está ben conservado porque non se fixeron limpezas"

photo_camera Reigada ao carón do río Támega e o "Bosque do Pracer". (Vídeo: C.C.).
Reigada foi guía da camiñada que se fixo polo "Bosque do Pracer" este sábado. Fala das peculiaridades da cunca do Támega.

Xosé Ramón Reigada (Riós, 1974) leva inmerso no coñecemento da natureza toda a vida. A día de hoxe aínda se sorprende coas peculiaridades que agocha a cunca do Támega. Un dos seus grandes tesouros é o “Bosque do Pracer”, en Verín. Ecoloxistas en Acción de Ourense e Amigas das Cegonhas organizaron o sábado, con Reigada como guía, unha camiñada pola zona na que participaron unhas trinta persoas. 

bosque do pracer verín

Que agocha o “Bosque do Pracer”? 

O “Bosque do Pracer” é a xoia do val do Támega. É un reduto do que puidese ser, igual non o bosque primixenio, pero si que un espazo que alberga vexetación autóctona primixenia do val con outras de cultivos e espazos de pradería. Hai gran diversidade, máis de 20 especies de árbores, o que é moito, entre elas o bidueiro, algo que é moi raro que apareza. Isto dáse porque é un espazo ben conservado.  Dende Ecoloxistas traballase por conseguir que se protexa a zona. 

Atópase ao carón do Támega…

Así é. O Támega é un río peculiar. Xa é curioso o seu nacemento. Onde nace temos tres cunchas diferentes de ríos que chegan ao mar -o Támega da cunca do Duero, o Limia que vai directo ao mar, e a do Arnoia que vai o Miño e ao mar-, é algo espectacular. 

Polo curso do río na comarca, que destaca?

Temos zonas no val de bosque primixenio. En Tintores, por exemplo, as veigas que hai cara o norte, é monoespecífico de amieiros.  O Val de Laza é moi interesante. Tamén as zonas de Mandín ou Feces de Abaixo son espectaculares, podemos chamarlle a campiña. Na Alberguería (Laza) chaman ao río A Támega, en feminino polo seu potencial no nacemento. A árbore que máis destaca é o amieiro e estamos nunha ruta de migración de especies de fauna e flora que van en especial de sur a norte. 

Tamén se atoparán carencias ou problemas…

Moitos. Por exemplo, no verán hai zonas secas, pero débese a falta de choiva. Máis alá do natural, as obras públicas non teñen en consideración os espazos naturais. E no relativo á limpeza que se fai, isto é a eliminación de vexetación e é un problema. Se sacas especies pioneiras, medran unhas en detrimento doutras… O “Bosque do Pracer” mantense tan ben porque non houbo limpeza. Alí aparecen acacias, que son invasoras, pero non proliferaron porque hai outras especies que non as deixan, porque se da un equilibrio.

Entón, cales son as alternativas que se deberían propoñer a esa limpeza?

En principio nos ríos, en determinadas zonas, a alternativa sería non tocar. Precisamente a intervención no medio sería a non intervención, pois cada cousa natural está cumprindo a súa función. O concepto de maleza está mal entendido, esta é o inicio dos bosques. 

Que caracteriza a esta zona?

Esta rexión é limite e éntranos a corrente mediterránea e a atlántica, aquí xúntase todo. É un espazo no que temos cousas de cada lado. Por iso o interese natural e histórico. Un dato curioso para exemplificar isto é que no río Búbal (en Vilaza) saen de debaixo da mesma rocha uns réptiles. Só hai catro especies na Península Ibérica, pois no Búbal nacen eses catro.

Te puede interesar