GOBIERNO AUTONÓMICO

Cualedro e Oímbra apostan por facer rendible o seu rural

Veciños dos dous concellos participaron nas charlas informativas do aproveitamento de terras

Veciños de Cualedro e Oímbra recibiron na xornada de onte a visita de técnicos da Consellería de Medio Rural para exporlles os avances que en materia de aproveitamento de terreos baleiros están levando a cabo dende ese departamento. O proxecto consiste en poñer a producir terras con aptitude agraria pero actualmente en situación de abandono para diferentes tipos de cultivos. Analizouse xa unha área de máis de 3.000 hectáreas nestes dous concellos correspondentes con zonas de concentración parcelaria e afectadas polo lume.

Durante este ano a consellería xa contactou con diferentes empresas e cooperativas do sector agrogandeiro para que expresaran a súa vontade de participaren no proxecto.


2.500 PARCELAS


Os técnicos explicaron en Cualedro que calquera persoa pode introducir os seus terreos no Banco de Terras, onde os seus responsables actúan como intermediarios entre o titular e a empresa interesada en alugar, unha modalidade que puxeron en marcha fai tres anos. Concretamente en Cualedro, a administración autonómica visitou 2.500 parcelas, nas que Coren e Panaderías Da Cunha estarían interesadas en producir cereal ecolóxico (precisamente as empresas demandan estas terras abandonadas por estar libres de calquera tipo de fertilizantes e pesticidas). Coren e Da Cunha propoñen un arrendamento pactado durante 13 anos nos que ambas sociedades terían dereito a rescindir o contrato en calquera momento, non así o arrendatario, que percibiría un salario anual de 100 euros por cada hectárea asociada ao Banco de Terras. Os técnicos explicaron na súa comparecencia en Cualedro que os tres primeiros anos as sociedades estarían exentas de pago.

No caso de Oímbra, foron algo menos as parcelas inspeccionadas por Agader. Das 1.039 hectáreas concentradas no municipio que preside Ana María Villarino, a metade delas foron supervisadas polos técnicos, detectando que unhas 300 estaban en situación de abandono. No caso deste Concello, a firma que amosou o seu interese por ocupalas é a industria vitivinícola de Martín Códax. Oferta un mínimo de 20 anos de explotación, con tres anos de carencia pola necesaria inversión nas terras e un rendimiento polo arrendamento anual de ata 200 euros por hectárea.

Te puede interesar