Monterrei

Xuntos por Laza acusa a Barreal de atribuirse méritos do antigo bipartito

Monterrei

Política local

Xuntos por Laza acusa a Barreal de atribuirse méritos do antigo bipartito

Trátase das actuacións en Soutelo Verde, Cimadevila e Regueiro Seco e o plan de desinfeccións

A formación local Xuntos por Laza censura que o rexedor do municipio, Ramón Barreal, estase a atribuir méritos nestes 90 días "que non lle corresponden" ou que quedaron encamiñados durante a etapa do bipartito -PSOE e XpL-. Trátase, concretamente, de actuacións na área de Soutelo Verde, do saneamento e abastecemento no núcleo de Cimadevila, na mellora da área de Regueiro Seco ou os traballos realizados en materia de desinfección dos pobos. 

No que atinxe á primeira intervención, dende Xuntos quixeron matizar que a subvención "foi solicitada o pasado 2 de xaneiro de 2020 e, sete meses despois, en agosto, "veu a resolución de concesión da mesma". Engaden que, ao ser concorrencia non competitiva, "nin existen puntuacións de proxectos, nin veu denegada nun primeiro momento. É unha subvención proposta por este grupo municipal sobre unhas obras financiadas ó 75% pola Axencia de Turismo da Xunta". 

Por outra banda, no tocante ás melloras en Cimadevila -saneamento e abastecemento dende a rúa Chouso Meniño ata o depósito da auga- Xuntos afirma que se solicitaron a finais do pasado 2019 e, do mesmo xeito, naquelas datas requeriuse axuda ao Goberno autonómico para "adecentar" a área recreativa de Regueiro Seco. Neste punto din dende Xuntos "hai uns días que esta obra xa comezou. Imaxinamos que co convenio asinado á data anterior ao comezo das mesmas obras, e logo de que a subvención que se solicitou cumprira cos requisitos da orde, senón no mes de xuño a Axencia de Turismo non lle ofrecería ao Concello a sinatura dun convenio para realizar as actuacións". 

O rexidor de Laza non contestou as chamadas que se lle fixeron dende este medio en relación coas acusacións de Xuntos por Laza.