Os 11 principios de Goebbels

Unha mentira repetida mil veces convértese en verdade” esta frase atribúese a Joseph Goebbels, ministro de Propaganda do Terceiro Reich, e un dos principais creadores do hipnótico poder estético do nazismo. Pois ben, as técnicas que utilizou Goebbels para converter nunha especie de semi-deus a Hitler ante os ollos dos alemáns e de medio mundo, seguen incriblemente vixentes hoxe en día, e non só nos Estados Unidos, só hai que mirar cara á Francia de Le Penn. Goebbels no desenvolvemento do seu sinistro cometido listou os 11 Principios da Propaganda, a biblia da comunicación política para algúns aínda hoxe. En case un século non nos volvemos tan listos como nos cremos.

A campaña de Trump e súa actuación no debate do luns, consciente ou inconscientemente, segue paralela ás ensinanzas propagandísticas do Reich. Imos probalo. O primeiro, o culto á personalidade. A campaña non é dos Republicanos, é de Donald Trump, un home de éxito feito a si mesmo. Acabo de escribir dúas mentiras comunmente aceptadas por verdade. Trump, négase sistematicamente a desvelar seus datos fiscais e segundo, non está feito a si mesmo, herdou de seu pai unha boa cantidade de cartos e propiedades.

Dúas. Identificar o inimigo e simplificar á mensaxe. Neste caso o inimigo é o “establishment” (toda a clase política da que Hillary forma parte) e a mensaxe clara: “Make America Great Again” (Volve facer grande a América).

Tres. Se non tes resposta a un ataque crea unha resposta que desvíe a atención, ou o que se chama Principio de Transposición. Trump no debate do luns tivo dúas de manual. Cando foi atacado por Hillary por non desvelar os seus datos fiscais dixo: “Desvelarei os meus datos fiscais cando a señora Clinton desvele os 30.000 correos que borrou”. Desvío da atención.

Catro: A exaxeración da realidade collendo un caso illado e maximizando as consecuencias. Trump falou o luns de que o xigante de coches Ford ía marchar do país para producir fóra. Desta forma escenificaba a perda de traballos e cimentaba seu plan de crear novos acordos comerciais proteccionistas. Ford xa contestou por activa e pasiva que vai trasladar fóra unha mínima parte da produción que non afectará aos traballo en USA…pero a quen lle importa a realidade, o importante é crear medo.

Cinco. Outro principio -que sei que non resulta politicamente correcto escribir sobre el- pero que así está reflectido na teoría da comunicación: a vulgarización da mensaxe. Canto máis ampla sexa á masa á que queres chegar máis simple ten que ser a mensaxe. Parte da teoría de que a capacidade de compresión dunha masa como tal é limitada, e tende a esquecer o complexo. Neste sentido o mantra do muro reflicte á perfección a teoría e une varios factores. En cada acto Trump, entre vítores, repite: “Imos construír un muro e México vai pagar por el”. Todo o mundo sabe a cantinela. Esa mensaxe agocha moitas cousas. Racismo, proteccionismo comercial, seguridade interior, medo ao de fóra…en definitiva América para os americanos…Make America Great Again. É directa, sinxela e chega.

Seis. O Principio de Transfusión. A propaganda é máis efectiva se actúa sobre un ecosistema xa creado aínda que estea latente. A seguridade, o odio, a tradición…apelar aos instintos básicos que afloran en situacións de risco. Trump creou esa ameaza. O mundo é o inimigo, os mexicanos que cruzan a fronteira son violadores e traficantes de drogas, China quere debilitar ao país creando a ficción do cambio climático, as nosas fábricas marchan e non teremos máis traballo para os americanos, hai que prohibir a entrada no país de musulmáns porque son uns terroristas….etc. Aflorado ese sentimento, creado o medo, quen lle aporte seguridade ao cidadán será o elixido… e que mellor que quen di, imos construír un muro e fagamos América grande de novo.

Poderiamos seguir, o resto de puntos seguen a encaixar, pero creo que a tese está xa probada, e ollo, nesta análise non só entra Trump. Europa non ten que mirar fóra das súas fronteiras -nin sequera España- para atopar partidos que encaixan neste perfil. Os ingleses en xuño buscaron masivamente en Google as palabras “Unión Europea” xusto despois de votar que si ao Brexit. Un chisco tarde semella. Temos a información ao alcance da nosa man pero iso non significa que a usemos, seguimos sendo masa.

A diferencia coa Alemaña de Hitler é que agora os cidadáns temos a nosa disposición os medios para contrastar as informacións. Podemos informarnos, ler a dereita e esquerda, escoitar, temos todo a golpe dun “click”… o que nos leva a seguinte conclusión: se non o facemos, se non somos masa crítica e seguimos sendo só masa no 2016, o que pase a partir de agora xa non será culpa de Trump, Goebbels ou quen sexa, a culpa do que suceda será nosa.

Te puede interesar