DENTRO DO IMPERIO

María contra Rikers Island

img_2714_result
photo_camera A avogada María Martínez, neoiorquina de Muros.

María é avogada criminalista da maior ONG de asistencia legal de Estados Unidos

Alief Browder, entrou en Rikers Island con 16 anos por supostamente roubar unha mochila. Era un rapaz negro, do Bronx, e era inocente. Estivo 3 anos na cadea á espera dun xuízo que nunca chegou. Nese tempo foi golpeado, violado e posto en illamento a maior parte do tempo…Kalief nunca quixo asinar os papeis que cada pouco tempo lle puñan diante para declararse culpable. Se os asinaba sairía do horror, pero non quixo, era inocente e tiña dignidade. Deixárono libre en 2013. Suicidouse dous anos máis tarde incapaz de asimilar toda a carraxe que tiña dentro, tiña 21 anos. 

Estados Unidos é o país coa maior poboación carceraria do mundo. Non é a China, non é Rusia, nin sequera en termos relativos Corea do Norte, é Estados Unidos e moi moi de longo. En Estados Unidos hai cárceres privados o que significa que se non hai presos non hai negocio… e en Nova York está Rikers Island a "xoia da coroa" do sistema carcerario norteamericano. É a máis grande, e tamén a máis brutal. Rikers Island é o máis parecido que queda a San Quintín. O cárcere dos horrores, dos abusos sexuais, dos acoitelamentos, dos suicidios...

Ser negro e pobre neste país é un gran problema. Dos 10.000 reclusos de Rikers o 54.6% son negros, o 33.7% son latinos e o 7.2% brancos. Un dos primeiros sinais de alarma do sistema americano é que case non hai xuízos en comparación co número de reclusos. Que pasa polo camiño? Por que as persoas detidas non chegan a ser xulgadas? 

María Martínez é unha desas extraordinarias galegas de Nova York, filla de dous galegos de Muros. María é avogada criminalista da maior ONG de asistencia legal de Estados Unidos, e o seu último caso acaba de ser publicado polo New York Times pola complexidade do mesmo. Seu cliente era Terrell Gills, un home negro acusado falsamente de ter atracado un Dunkin' Donuts. A Fiscalía tiña como proba unha mostra de ADN que estaba na caixa rexistradora e un vídeo no que Terrel levaba a mesma gorra que o atracador real. Cando o ADN entra de por medio nun xuízo as posibilidades para o acusado de saír con ben diminúen considerablemente.

María púxose a investigar. Descubriu que ese asalto non era un caso illado. Houbera tres. Un o día anterior, e outro o posterior. Pediu os vídeos das cámaras de seguridade dos outros establecementos e descubriu que o atraco cometerao a mesma persoa, e que o único que tiña en común o atracador con Terrell é que era negro e a gorra. O ladrón real sacáballe unha cabeza e 40 quilos. María dixo: xa o teño! Mentres todo isto pasaba Terrell levaba un ano e medio na cadea, en Rikers. María localizou ao verdadeiro culpable. Fora detido un par de días despois ca Terrell. Algo non cadraba, se xa estaba detido o ladrón... que facía Terrell na cadea tamén? María foi falar con el e arrincoulle a confesión: era certo, cometera os tres asaltos, así que Terrell era inocente. 

Con todo isto María pediu unha reunión de urxencia coa Fiscalía para que retiraran a acusación e deixaran libre a un inocente que levaba a ano e medio na cadea porque, ao ser pobre, non podía pagar a fianza de 10.000 dólares que lle impuxeran. 

María chega a reunión coa confesión e cos vídeos onde se ve claramente que os tres roubos son cometidos pola mesma persoa, que non é Terrel. Resposta da Fiscalía: “A confesión non vale porque é un preso e non nos fiamos, e os vídeos xa os tiñamos nós”. A Fiscalía xa tiña os vídeos e non llo dixeran!  Aí foi cando María atou cabos. O maior momento de carraxe e frustración. A Fiscalía sabía quen era o culpable desde o inicio pero mantiñan detido a un inocente, e non só iso, non retiraron a denuncia e houbo que ir a xuízo.

Por que tan poucos casos chegan a xuízo? Porque os presos prefiren declararse culpables na cadea para que os liberen. Ademais saben que se chegan a xuízo vanse enfrontar sempre ás máximas penas que poida impoñer o xuíz -un elemento disuasorio de primeiro orde- sobre todo se es inocente. A Terrell podían terlle caído 25 anos. Para chegar a xuízo ten que ser valente o avogado e tamén o recluso.

No xuízo, a María o xuíz non lle deixou mencionar nada do primeiro e o terceiro atraco. O de Terrell era supostamente o segundo. Demencial. Imaxinen a situación.  O xuíz sabe que Terrell é inocente, a Fiscalía sabe que é inocente e non só non retiran a acusación se non que non lle deixan a María mostrar as probas, os vídeos, ante o xurado. De tolos. Pero María conseguiuno. Demostrou que o ADN non era suficiente para culpar a Terrell e demostrou co único vídeo que podía amosar que el non atracara a ninguén. María ten unha postal pegada nunha das paredes do seu despacho na que a filla pequena de Terrell lle escribe: “Eres á mellor. Salvache á miña familia”. María rompeu a chorar á vez que rompía un ladrillo do inmenso e brutal muro do sistema xudicial americano.

O alcalde De Blasio anunciou en 2016 o peche de Rikers Island, será un proceso longo e de miles de millóns de dólares. María Martínez, neoiorquina de Muros, xa comezou a demolición.

Te puede interesar