DENTRO DO IMPERIO

A nena o touro e Miss Blackwell

xaime12032017_result
photo_camera En Wall Street o touro de bronce ten dende a pasada semana a estatua dunha altiva cativa mirándoo aos ollos.

Desde esta semana o touro de Wall Street ten un desafío por diante e non é un matador tendéndolle unha trampa vermella mortal, non…é unha cativa desafiante: “A nena sen medo”

Chámase o “Charging bull” o “Touro arremetendo”. Tres toneladas de bronce que curiosamente levaron ao seu escultor á ruina, e que agora simbolizan a enerxía, o optimismo e a prosperidade económica dunha das zonas máis loadas e odiadas do globo: Wall Street. O touro representa a potencia do mundo animal, unha potencia que a tauromaquia se encargou de traducir en cousa de homes. Pois desde esta semana o touro de Wall Street ten un desafío por diante e non é un matador tendéndolle unha trampa vermella mortal, non…é unha cativa desafiante: “A nena sen medo”.

A noite do 7 de marzo -na previa ao Día Internacional da Muller- unha das maiores compañías do planeta quixo mandar unha mensaxe a Wall Street: hai que acabar xa coa desigualdade nos postos directivos e coa desigualdade de salarios por realizar o mesmo traballo. Para iso colocou unha pequena estatua dunha altiva cativa mirando aos ollos ao touro.

A min esta estatua recordoume rapidamente a un chío de Emma Lustres desta fin de semana durante a gala dos Mestre Mateo, dicía así: “Nos #mestremateo17 as produtoras arrasamos. Do 2007 ao 2017 son mulleres produtoras as que comandan 8 das 11 películas gañadoras”. Aí é nada. A Academia Galega do Audiovisual tamén está envorcada nunha campaña de visibilidade e empoderamento da muller nas artes escénicas facendo camiño ao andar na dirección correcta.

Nos Estados Unidos a fenda de xénero é igual que en calquera país desenvolvido. Hillary Clinton non puido romper o teito de cristal de ser a primeira muller presidente dos Estados Unidos pero despertou todo un movemento de concienciación entre as nenas de que calquera delas pode ser a primeira presidenta. Non será fácil de todos xeitos. State Street -que é a compañía que colocou a estatua da cativa- refírese aos datos do “Índice Russell 3.000” onde están as compañías máis potentes do mundo para sinalar o treito que falta por andar. Desas 3.000 compañías o 25% non teñen ningunha muller na súa xunta directiva, e no resto a presencia desde logo non é equitativa nin moito menos.

Na historia recente deste país ao falar de heroínas quizais á primeira que se vén a cabeza é Rosa Parks, pero imos ir un pouco máis atrás. A 1821 a Bristol, en Inglaterra, onde naceu a que logo sería a primeira médica de Estados Unidos, Elizabeth Blackwell. Seus pais -que educaron aos seus fillos na igualdade- emigraron a Cincinnati, e precisamente a morte do pai en 1838 fixo que Elizabeth se decidira a estudar Medicina. Foi rexeitada en 29 colexios ata que finalmente a aceptaron en Geneva, en Nova York. Era a única muller e no canto de axudala, tanto alumnos coma profesores, fixéronlle a vida imposible negándose incluso a darlle clase. A súa resposta? Elizabeth gradouse en 1849 como a primeira da súa promoción. A primeira doutora de Estados Unidos. Pero quería máis. Quería ser cirurxá. Mudouse a París para facer unha especialización en Maternidade tamén, pero alí contraeu unha enfermidade que a deixou cega dun ollo co que xa non podía cumplir o seu soño de operar. Non desistiu. Tras esta experiencia marchou a Londres onde inspirou co seu exemplo a Florence Nightingale e Elizabeth Garrett Anderson, que serían despois as pioneiras na Medicina británica. Tras Londres, de volta a Nova York onde a pesar de ter o título non lle deixaron exercer en ningún hospital, polo que Elizabeth Blackwell abriu a súa propia clínica para mulleres e cativos nos suburbios da cidade. Pouco máis tarde se lle uniría a súa irmá Emily que seguira seus pasos.

Estamos no contexto previo da Guerra Civil americana (Lincoln, abolición da escravitude…) e cando chegou a contenda Blackwell creou un servizo de formación de enfermeiras que sería a primeira pedra da futura Comisión Sanitaria.

Trala guerra as dúas irmás fundaron o Colexio Médico de Mulleres de Nova York, onde Elizabeth foi mestra ata 1869, cando volveu a Londres para axudar a conformar a Escola de Medicina para Mulleres, invitada pola que fora a súa discípula Elizabeth Garrett Anderson. Xa quedaría en Inglaterra o resto da súa longa vida. Morreu con 89 anos en 1910. No 1949 a Asociación de Mulleres Médicas Americana estableceu a Medalla Blackwell para premiar os logros das mulleres na Medicina. Longa vida á meniña Blackwell que desafiou ela soa ao touro de Wall Street.

Te puede interesar