O informe anual de Amnistía Internacional sobre o estado dos dereitos no mundo

Dereitos Humanos, unha promesa traizoada

Portada do Informe 2008
Os dereitos humanos, que viron a luz hai 60 anos na Asemblea Xeral de Nacións Unidas, aparecen hoxe como unha promesa traizoada. Os líderes mundiais deben pedir desculpas por isto.
É innegable que nas últimas seis décadas houbo avances. Como exemplo próximo no tempo, a moratoria contra a pena de morte aprobada por Nacións Unidas a finais de 2007 é unha boa noticia no camiño cara a un mundo libre de execucións.

O número de países que ofrecen protección constitucional e xurídica aos dereitos humanos é cada día maior. Mais o liderado visionario que os forxou en 1948 deu paso a estreitos intereses políticos, e, hoxe, os dereitos humanos seguen a ser unha promesa sobre o papel.

Estados Unidos, a primeira potencia mundial, segue a perseverar nos seus intentos de debilitar a prohibición absoluta da tortura e outros malos tratos na súa “guerra contra o terror”. E, non obstante, o mundo necesita que EEUU renove o seu compromiso cos dereitos humanos e abandone o “lado escuro” tanto dentro como fóra das súas fronteiras.

Os gobernos europeos amosáronse tamén proclives a unha dobre moral. En 2007 saíron á luz novos indicios de que varios Estados membros da UE actuaron en conivencia coa CIA para secuestrar persoas, recluílas clandestinamente e trasladalas ilegalmente a países onde foron sometidas a tortura e outros malos tratos. Ningún goberno admitiu nin investigou a fondo esta cuestión. Poden a UE ou seus Estados membros pedir a China ou a Rusia que respecten os dereitos humanos cando eles mesmos son cómplices de tortura? Pode a UE pedir a outros países con moitos menos recursos que manteñan abertas as fronteiras, cando os seus propios Estados membros coartan os dereitos de persoas refuxiadas e solicitantes de asilo?

En Darfur (Sudán), malia que o conflito seguiu propiciando graves violacións de dereitos humanos e violencia, aínda non se produciu o despregamento completo dunha forza mixta da Unión Africana e da ONU. En Birmania, o goberno negouse a acabar coa represión aos activistas de dereitos humanos encarcerados nas manifestacións pacíficas.

En Rusia, o Goberno seguiu reprimindo a disidencia política, presionando periodistas independentes e adoptando controis lexislativos para frear as ONG.

Pola súa banda, China xustifica desde hai tempo o seu apoio a gobernos abusivos, como os de Sudán, Birmania e Cimbabue, en función dos seus intereses políticos e comerciais. E durante os preparativos dos Xogos Olímpicos, o historial de respecto aos dereitos humanos no país asiático non mellorou, co que se quebrantou o compromiso que adquiriron ao ser escollida sede das Olimpiadas.

En España tamén afrontamos numerosos retos. Entre eles, conseguir que o Goberno garanta os dereitos dos inmigrantes, que afronte con valentía os casos de tortura e malos tratos a mans de axentes do Estado, que mellore a resposta ás mulleres vítimas da violencia de xénero ou que asegure que a recentemente aprobada lei sobre o comercio de armas supón un control real e efectivo sobre súa transferencia a terceiros países. Por outra parte, a aprobación da lei de vítimas da Guerra Civil e do franquismo, ou o anuncio da instalación de videocámaras en comisarías de Cataluña e o País Vasco amosan un avance nos mecanismos de protección dos dereitos humanos no noso país.

Son moitos os desafíos globais aos que nos enfrontamos, pero os dereitos humanos internacionalmente recoñecidos proporcionan o mellor marco para traballar, porque representan un consenso global sobre cómo deben actuar os Gobernos para garantir o benestar de todas as persoas. Mentres isto non ocorra, a xente non quedará calada: o descontento popular en Bangladesh perante a brusca suba do prezo do arroz, os disturbios en Exipto polo prezo do pan, a violencia postelectoral en Quenia e as manifestacións públicas na China sobre desaloxos e cuestións ambientais son síntomas que apuntan a un torrente de protestas populares perante a traizón dos seus Gobernos á promesa de garantir xustiza e igualdade.

Te puede interesar