Sen empresas non hai emprego

Emigración

A situación do país é anacrónica, pois mentres os partidos políticos terán incrementado os seus orzamentos o ano que vén nun 27,9 por cento, a noticia oposta indica, que a cifra de emprendedores descendeu ata situarse en niveis do ano 2004.

Non cabía agardar outro resultado distinto, pois o incremento do paro durante o mes de setembro era un todo esperado; cifra que veu a corroborar que para nada se inverteu a tendencia á destrución de emprego, desautorizando así mesmo a euforia do Goberno, que lonxe de interpretar o descenso dos últimos meses en axeitados termos de estacionalidade, empeñouse ata a saciedade en traducir os datos dese habitual xiro de tempada en todo un síntoma de reactivación.

Se en toda acción de goberno non resulta recomendable negar a evidencia, a situación chega á estupidez política cando os gobernantes foxen da realidade porfiando en repetir os seus erros, e xustamente esta é a actitude na que incorre o Executivo do PP á hora de avaliar o negativo alcance das súas medidas de emprego, pois en vez de asumir sen mais paliativos a súa adversa repercusión e proceder vía emenda, os seus membros, nun embate de prepotencia deciden sacar peito alardeando de ter no seu haber os mellores datos de evolución estatística dos últimos tempos, é dicir, a actitude propia de quen en vez de tomar contacto coa racionalidade, opta pola dirección oposta apostando pola necidade como referendo á súa nefasta política laboral.

Por mais suplantación de competencias que se pretenda, os feitos demostran que non é o Consello de Ministros o referente de xeración de emprego, senón as empresas e os empresarios; pero para que o papel dos axentes empresariais poida levarse a termo, as medidas políticas de acompañamento teñen de estar dirixidas a reavivar a economía, obxectivo que non se logra con imperativos de austeridade radical ou coa obstrución das fontes de financiamento, por canto tales prácticas, intensifican a caída da actividade económica repercutindo negativamente no comportamento do mercado laboral, aspectos que ademais de disparar o índice de desemprego acrecentan a volatilidade da taxa de paro.

Para reorientar as políticas de emprego é ineludible un cambio de enfoque, unha mudanza de perspectiva que pasa por tomar nota fidedigna da realidade, por asumir que dende a aparición da crise económica foron máis de duascentas trinta mil empresas as que se viron obrigadas a botar o ferrollo á súa actividade.
Todo un estrago na estrutura produtiva, que maiormente, veu provocada polas sucesivas medidas de austeridade impostas dende o Goberno coa escusa de adelgazar o déficit público e reactivar a economía, pero que por incompatible finalidade de postulados produciu o efecto contrario provocando unha parálise no crecemento; arrevesada reacción, que ademais de socavar os alicerces do tecido produtivo incrementou aínda máis o xa elevado nivel de desemprego.

Atendendo a esta conxuntura, resulta irrefutable concluír que o desorbitado desemprego que padece o país, non é algo illado nin o fluxo dunha eventualidade incidental, senón a consecuencia directa dun xeito equívoco de concibir o desenvolvemento económico, de aí a súa complexidade; pois non se debe obviar que as súas causas son efecto directo do desmantelamento empresarial suscitado polo inadecuado tratamento aplicado á recesión económica.

Desatinos que derivaron nunha fatal combinación, cuxa emenda obriga a establecer remedios integrais, é dicir, respostas sistémicas de crecemento, pois á marxe de anecdotarios como a inútil reforma laboral, débense aplicar fórmulas efectivas capaces de motivar a reactivación, e ese que non outro ten de ser o camiño a seguir, xa que lonxe de toda conxectura termos de sentenciar que sen empresas non hai emprego..

Nesta liña, os pasos deben dirixirse a forzar un cambio no patrón de crecemento da nosa economía, que por eficacia funcional, obrígase a contar co acompañamento dun plan de ordenamento e diversificación dos sectores produtivos, e a implícita transformación das canles de financiamento das actividades empresariais, unha nova programación de estabilidade, que deixando atrás a actual deterioración, facilite a consolidación de alternativas de evolución.

Esta resolución é obrigada, como réplica social ás rexeitables e infrutuosas medidas políticas aplicadas polo Executivo do PP, que no transcurso do seu mandato, non fixo mais que promover a 'economía de casino' favorecendo a especulación financeira dos mercados e das entidades bancarias en detrimento da economía produtiva, en cuxo ámbito a destrución de emprego tomou idéntica sorte que o derrubamento empresarial.

O obxectivo non se formula doado, debendo asumirse que isto non se resolve a curto prazo, pero tamén admitindo que de persistir na tónica actual, o longo prazo será o punto de encontro dun deserto empresarial, onde a falta de solucións de emprego mesturarase coa pobreza, forzando o tránsito colectivo ao camiño da emigración.

Te puede interesar