O paro no labirinto

A solución non é pòlicial
Por mais enredos que alume o PP, o único certo, é que este plan é un recoñecemento do fracaso da Reforma Laboral
Humillante, ese é o cualificativo que merece a xornada que sobre a Estratexia de Emprendemento e Emprego Xove, tomou por escenario de representación o palacio da Moncloa, e iso, en razón á afronta que representa a elección de tal contorna de celebración; pois resulta unha desvergoña tratar un tema tan sumamente sensible na que fose residencia de dous 'notables' ex inquilinos, cando agora, mentres un amplo sector da masa laboral toma encontro co desemprego, eses antigos residentes, rin de España enteira lembrándonos a prevalencia que lles confire a súa condición de beneficiarios dun opulento pluriemprego. Prerrogativa que para maior ofensa social conta coa benevolencia política de quen, desde a mesma residencia, co seu silencio outorga plena complicidade á escandalosa situación que gozan os ex presidentes González e Aznar.

Unha vez delatada esta obscena inmoralidade, dicir, que polo prexuízo dos seus efectos e a afección da súa incidencia, o paro converteuse no problema por excelencia e na principal preocupación cidadá, maior motivo, para ser afrontado coa máxima urxencia e co ponderado rigor; pois é evidente que ante esta complexidade non cabe outra, que suplir os ensaios por solucións, e nesa liña, haberase de asumir que todo remedio, para a súa efectividade, ten de estar fundamentado na diagnose das súas causas inductoras.

Partindo desta premisa, non queda outra, que asumir o fracaso do patrón económico que nos conduciu á actual situación, para operar en consecuencia, afrontando como preferente a necesidade dun cambio de modelo, que de xeito evidente, pasa polo reaxuste da estrutura produtiva; cambio, que ademais de corrixir os desequilibrios intersectoriais existentes, esixe do acompañamento de investimentos en tecnoloxía, de mellora da eficiencia produtiva na diversidade de sectores e a profesionalización formativa, adaptando a especialización educativa ás necesidades do mercado laboral resultante.
Directrices, que conxuntamente conforman un novo concepto, unha estratexia de crecemento confrontada á inactividade que prodiga a austeridade dominante; o que supón unha colisión contra a actual política do Executivo, cuxa continuidade, fai inútil librar batalla contra o desemprego, pois de antemán, resulta obvio que sen un mínimo de crecemento, por mais plans que se elaboren,é tarefa imposible lograr a creación emprego.

Por iso, o conxunto de medidas contidas na Estratexia de Emprendemento e Emprego Xove, que segundo os seus autores, ten por finalidade fomentar o autoemprego e a contratación xuvenil, o certo é, que o seu verdadeiro propósito non é outro que o fraccionamento dun problema colectivo, ao só obxecto de romper a unidade de acción a través da súa división por idade, coa única intención de rebaixar forza reivindicativa, e lograr así, que a demanda colectiva contra o paro perda condición de uniformidade e por extensión dilúa a conflitividade que acompaña a súa resolución agrupada.

Por mais enredos que alume o PP, o único certo, é que este plan é un recoñecemento do fracaso da Reforma Laboral, e o que é mais grave, aínda cando a súa estratexia está aliñada coa Unión Europea e cos obxectivos do que vén denominarse como'Garantía Xuvenil' europea, prodigados pola chanceler Merkel, o certo é, que ao estar inspirados no contrasenso da filosofía neoliberal, esta nova formulación mais que unha alternativa de solución é unha estrataxema inapropiada, que por non ser a solución de nada, tampouco arranxará o gran problema de fondo.

Un problema estrutural do mercado de traballo ao que hai que engadir a debilidade do tecido produtivo, a conxelación do crecemento e unha desmesurada austeridade , mestura letal que conxuntamente ameaza con sumir á maioría da poboación nun paro de longa duración e de aí, á pobreza.

A reafirmación neste pesimismo intensifícase cando a tempò presente, na recente reunión do Consello Europeo, vemos como os lideres dos estados membro, no canto de achegar solucións e tomar cumprida dimensión da complexa situación, seguen estancados no debate entre austeridade e crecemento. Actitude pouco responsable cando o problema de fondo non precisa maior reflexión, pois é de sobras sabido, que de non aplicar políticas de impulso da economía, a creación de emprego seguirá a ser unha falacia, un guión escrito sobre papel mollado, unha fórmula de obstaculizar o funcionamento das cousas impedindo a aplicación de remedios eficaces.

Por iso de non reverter con urxencia a actual situación de estancamento económico e retomar a senda do crecemento, non só será imposible crear emprego senón que se disparará a tendencia ascendente da gráfica do paro, facendo cada día mais custoso o rescate do mercado laboral.

Te puede interesar