A 'troika' e as preferentes

Afectados
Esa dobre linguaxe de Rajoy, por incongruente e contraditoria, é a causa pola que centos de miles de afectados pola fraude de Preferentes e Subordinadas perdan a paciencia e ante a falta de solucións bótense á rúa
A tenor do recente rexistro policial no seu domicilio parisiense, a directora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), Christine Lagarde, está no punto de mira da xustiza francesa por un presunto delito económico, e iso, en razón a que a actual dirixente do organismo internacional, durante a súa precedente etapa como integrante do anterior executivo do Elíseo, ao parecer, despistóuselle a moral, intercedendo de forma ilegal na concesión dunha millonaria indemnización a favor dun empresario compañeiro de filas.
É coma se un halo do mal agoiro pousáse sobre a cúpula do FMI, pois o certo é que con este novo escándalo, son tres os casos continuados de mandatarios que ostentando a dirección desta organización, finalizan sentados no banco dos acusados rendendo contas á xustiza por incorrer en accións desviadas da mais elemental regra de conduta.

Se agora ao parecer, é a ex ministra francesa quen ten que someterse ao imperio da lei, antes foino o seu antecesor e compatriota Dominique Strauss-Kahn, despois de ser acusado de abusar sexualmente dunha empregada de hotel; un sórdido personaxe que tomara a substitución ao español Rodrigo Rato, quen actualmente por non variar, está tamén imputado no caso Bankia, polas retribucións percibidas pola cúpula de Caixa Madrid.

Esta sucesión de desaxustes á disciplina, e a ensamblaxe de tales prácticas na órbita da corrupción dirixente, ademais de constituír un escándalo de primeira magnitude, xera unha deterioración que resta autenticidade aos obxectivos que hipoteticamente alberga esta institución internacional, representando esta práctica de comportamento o paradigma diferenciábel entre a declamación dos seus bos propósitos e a contundencia dunha realidade oposta.

Pero se nun ámbito xeral a repercusión causada por este escándalo, arrastra consecuencias complexas; se nos remitimos ao marco da eurozona, a implicación da actual directora do FMI en tan turbio asunto, ocasiona un impacto de maior calibre, toda vez, que ao ser esta entidade parte da 'troika' conxuntamente co BCE e a Comisión Europea, este tropezo, menoscaba a autoridade da máxima executiva do Fondo e o influxo da propia entidade que dirixe á hora de concertar decisións colexiadas.

Grave revés que deixa vía expedita ás políticas de recortes e austeridade enérxica que preconiza e e impón a influente chanceler Merkel, e cuxo implícito, lonxe de constituír unha solución a longo prazo; máis que lograr a estabilidade da zona Euro, proseguirá acentuando o receso económico co agravante de disparar as cifras de desemprego e acentuar os desequilibrios sociais.

Ao parecer o resto dos países membro da UE non se decatan ou se cadra seus dirixentes estás sumidos no limbo dos idiotas, pois non se entende, que distraian o feito que á sombra deste avatar, o goberno alemán reforzará aínda mais o dominio que exerce sobre a 'troika', e que o club financeiro xermánico seguirá facendo da crise do euro o maior negocio do século, á conta de subxugar os países periféricos con rescates, abusos e medidas leoninas cuxos efectos involutivos ademais de prexudicar o presente dificultarán o enganche co futuro.

Vén a conto este razoamento polo feito coincidente que en pleno fragor do rescate chipriota de marcado cuño alemán, o presidente Rajoy coma se fose axente neutral nesta guerra da 'troika', ante o fogo cruzado contra dos aforradores do país insular, maniféstase contrario a tal decisión por entender neste caso que os afectados non son responsables da situación.

Todo un exercicio de cinismo do presidente español, ao mostrar solidariedade foránea, mentres de portas dentro consente o espolio aos seus propios compatriotas, que teñen seus aforros secuestrados fai mais de quince meses nas caixas de aforro nacionalizadas, co agravante de verse desvalixados por un Goberno que vén disposto a subtraerlles parte dos depósitos retidos para rescatar a unha banca sen escrúpulos.

Esa dobre linguaxe de Rajoy, por incongruente e contraditoria, é a causa pola que os centos de miles de afectados pola fraude de Preferentes e Subordinadas perdan a paciencia e ante a falta de solucións bótense á rúa reivindicando o que por dereito lles pertence, e que politicamente é obrigado restituír totalmente, tendo en conta que os afectados foron vítimas dun atraco levado a cabo por uns directivos infames que para o exercicio do delito contaron coa tolerancia das institucións de control, desde o Banco de España até a CNMV , sen esquecer a aquiescencia do goberno da nación, extremo que sitúa ao Estado no papel de responsable subsidiario.

Pero con todo que ninguén se alarme, pois fazañas deste tipo son o común denominador do facer cotián da nosa Europa , da 'troika' e os seus mercadores.

Te puede interesar