o carballiño

Alternativa Veciñal pide “puntos violeta" en Carballiño

Trátase de espazos xestionados por colectivos feministas para axudar a vítimas de agresións sexuais

A formación política Alternativa Veciñal presentou unha petición dirixida ao alcalde e portavoces dos grupos políticos da Corporación do Carballiño para establecer un "punto violeta" en todas as festas que se celebren na vila.

"Nos últimos anos temos visto como o alcohol, o abuso de drogas e a conglomeración de xente en festas e outros eventos serven de escusas para que se produzan abusos e agresións sexuais", sinala Alternativa Veciñal. Segundo engade, "moitos eventos e festexos xa constan de espazos denominados "punto violeta" e por iso xa solicitamos a esta corporación que se habilitase nas festas patronais do septembro do pasado ano. E este insistimos no mesmo e queremos ampliar a súa presencia a tódolos festexos ao longo dos vindeiros meses de verán e de todo o ano". Polo tanto, piden ao grupo de goberno que faga as xestións pertinentes para habilitar dito punto, para que "nas próximas festas non teñamos que lamentar ningún feito produto de estas agresións machistas". 

Os "puntos violeta" son espazos xeralmente xestionados por colectivos feministas e que contan co apoio dos organizadores de festas e co das administracións involucradas nas mesmas, nos que se atende, informa e axuda (axuda tanto práctica como psicolóxica) a vítimas de calquera tipo de agresión. Con respecto ao seu funcionamento non existen protocolos específicos, xa que en cada localidade se poden dar circunstancias dispares, indica.

Te puede interesar