carballiño

Alternativa Veciñal reclama un plan de accesibilidade

Tamén solicitan a realización dun diagnóstico e valoración das barreiras arquitectónicas

A formación Alternativa Veciñal do Carballiño presenta este xoves no concello un requerimento dirixido ao alcalde, Francisco Fumega, de mellora en certas dependencias de infraestruturas municipais para facilitar o acceso ás persoas con discapacidade ou mobilidade reducida. Refírese ao polideportivo que non conta coas medidas mínimas de accesibilidade e á piscina municipal e á entrada do Parque municipal coa mesma problemática. Engade que algúns desniveis e rampas de paso de peóns e de rúas exceden o 10% de grao de inclinación, grao máximo que marca a lexislación para rampas de menos de tres metros; é finalmente da Biblioteca municipal afirma que segue a presentar graves carencias para poder acceder á sala de lectura.

Por ese motivo, Alternativa Veciñal reclama a creación dun consello municipal de mobilidade como mecanismo de coordinación entre distintas áreas e como ferramenta participativa, con representación das autoridades locais e con representación directa dos principais colectivos beneficiarios.

E tamén a creación dun plan integral de accesibilidade do Carballiño para o que pide a realización dun diagnóstico e valoración das barreiras; facer as melloras precisas nas infraestruturas, servizos e equipamentos; e crear unha dotación orzamentaria específica para dito plan de actuación.

Te puede interesar