O alumeado da N-525 leva dous anos sen funcionar en tramos do municipio de Piñor

A instalación de alumeado público acometida hai dous anos por Fomento na estrada N-525 (Ourense-Santiago) aínda non foi recepcionada polo Concello de Piñor, que solicitou melloras nos puntos de luz. Os empresarios da zona advirtiron que ‘hai tramos nos que estamos ás escuras’.
Os traballos de acondicionamento da seguridade vial que levou a cabo o Ministerio de Fomento na estrada entre Ourense e Santiago (N-525) ó seu paso polo municipio de Piñor incluiron a instalación de novo alumeado público.

Nembargantes, dous anos despois das obras, empresarios do Reino, Carballeda e A Corna, apuntan que ‘hai moitos tramos onde as farolas nunca funcionaron e outros nos que nin as puxeron, co risco que supón tanto para os veciños como para os automobilistas que cruzan o municipio’.

Unha situación que está a motivar queixas entre os usuarios da estrada e que desexan acceder a restaurantes, gasoliñeiras e negocios de aloxamento que están ubicados neses tramos da N-525. O alcalde de Piñor, Francisco Xosé Fraga Civeira, sinala que ‘aínda estamos á espera de que Fomento nos entregue as obras para que dende o Concello poidamos xestionar o mantemento das instalacións’.

O rexedor engade que ‘nós detectamos que hai tramos da estrada que quedaron sen puntos de alumeado, mentres noutros incluso non se colocaron, e por iso solicitamos melloras no proxecto inicial, pero tampouco tivemos unha resposta’. Fraga Civeira valora ‘a construcción de pasos soterrados baixo a estrada en Carballeda e no Reino, que permiten ós veciños o paso con gando e tractores’.

Te puede interesar