La Región

O CARBALLIÑO

Ameixeiras e Acuña recollen o Premio Antón Losada Diéguez

O presidente do Instituto de Estudos Carballiñeses reivindicou a faceta filosófica do homenaxeado

Diego Ameixeiras recibe o galardón de mans de Francisco Fumega, en presencia de Mercedes Gallego e Ana Acuña.
Diego Ameixeiras recibe o galardón de mans de Francisco Fumega, en presencia de Mercedes Gallego e Ana Acuña.
Ameixeiras e Acuña recollen o Premio Antón Losada Diéguez

O acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez celebrouse onte no pazo da familia do homenaxeado en Moldes (Boborás). A indisposición do mantedor, Avelino Muleiro, unha vez que finalizou a súa intervención, alterou en parte o seu desenvolvemento, xa que tivo que ser asistido polo rexidor de Boborás e tamén médico xubilado, Cipriano Caamaño, e polo enfermeiro, Xosé Francisco Ferreiro, novo concelleiro do Carballiño. Despois de que finalizara o acto, tras recibir asistencia no Centro de Saúde, foi trasladado en helicóptero ó Complexo Universitario Hospitalario de Ourense, onde se recupera satisfactoriamente.

Pese ó tremendo susto de todos os asistentes, a entrega dos premios seguiu adiante nesta 30 edición do certame. Alí, Francisco Fumega estrenábase como alcalde no seu primeiro acto oficial, tendo en conta que este ano a organización correspondeulle a Carballiño. Fumega lembraba que dese pazo arrancou a loita contra os foros, a loita agraria, e daba paso a Avelino Muleiro, presidente do Instituto de Estudos Carballiñeses, quen se centrou na figura de Antón Losada como filósofo, unha faceta pouco coñecida e que desgranou o mantedor, instando ós departamentos de filosofía das universidades a afondar no seu pensamento para incorporalo ó elenco de filósofos galegos.

Diego Ameixeiras recibía o premio de mans de Francisco Fumega, pola súa novela "Conduce rápido" (Edicións Xerais), dentro da categoría de creación literaria. O autor sinalou que aínda que naceu en Suiza e reside en Ourense, as súas raíces están no Carballiño. De xénero negro, apuntou o escritor que a novela trata sobre o encontro fortuito de dous delincuentes que se unen emocionalmente e vense envoltos nunha trama de gánsters.

Ana Acuña foi a galardoada pola súa obra "Conciencia política e literatura galega en Madrid" (Edicións Xerais), dentro da categoría de investigación e ensaio. A delegada de Cultura, Mercedes Gallego, entregáballe o busto de Antón Losada e a autora agradecía a convocatoria deste premio, "pese ós tempos difíciles, de inseguridade laboral ", asegurando que por ese motivo o seu primeiro traballo tivo que desempeñalo no estranxeiro. O acto remataba coa actuación da Banda de Gaitas do Carballiño.