O CARBALLIÑO

A ampliación do Balneario conta con todos os permisos

20190516202941281_result
photo_camera Edificio principal do Gran Balneario do Carballiño.

O proxecto de Gallego Jorreto inclúe unha piscina acristalada e unha cafetería e restaurante

A xerencia do Gran Balneario do Carballiño ultima un acordo cunha sociedade de restauración para que se faga cargo da cafetería-restaurante que está prevista no proxecto de reforma e ampliación desta instalación termal, elaborado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Así o manifesta o xerente, José Figuera, da familia Quiroga, propietaria deste establecemento situado nunha ampla propiedade á beira das ribeiras do Arenteiro e no mesmo casco urbano da vila, quen asegura que este proxecto conta xa con todos os trámites administrativos para proceder a súa execución, e que, neste sentido, amosa a súa satisfacción por ter conseguido o apoio do concello na modificación puntual do plan de urbanismo (PXOM) que facilitou os cambios que se precisaban para a realización desta reforma.

A modificación aprobada permitiu que a edificabilidade que figuraba na parte superior da parcela que dá á avenida do Balneario pasase ao espazo que vai ser ocupado pola cafetería-resturante, na zona do mirador do río Arenteiro, e pola piscina con cúpula acristalada, que está previsto situar nun espazo lateral do balneario, e que é un dos elementos máis icónicos do proxecto de Gallego Jorreto.

Tanto por esto como pola colaboración e defensa do proxecto ante as demais administracións públicas, como a Xunta de Galicia e a Deputación provincial, José Figuera expresa o seu agradecemento ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

Non obstante, o xerente do Gran Balneario non ofrece de momento datas concretas do posible comezo das obras, pois ademais do peche deste acordo para a construción e explotación da cafetería-restaurante, aínda queda por fraguarse a sinatura definitiva dos administradores encargados da xestión do patrimonio dos Quiroga, que deben ceñirse á viabilidade económica do proxecto.

Según José Figuera, a prioridade é construir a piscina e a cafetería-

restaurante, así como realizar algunhas melloras nos servizos termais que presta o balneario.

En todo caso, manifesta que espera resolver o máis axiña posible as cuestións pendentes para que a reforma e ampliación do Gran Balneario do Carballiño poda comezar a executarse nos próximos meses.


Mínima intervención na obra de Gulías


O arquitecto carballiñés, Manuel Gallego Jorreto, Premio Nacional de Arquitectura e Medalla de Ouro de Arquitectura, entre moitos outros galardóns, deseñou un proxecto para o Gran Balneario do Carballiño que inclúe a construción dunha gran piscina termal cunha cúpula piramidal acristalada, que vai estar situada á beira do edificio da Casa de Baños, e unha cafetería-restaurante, tamén acristalada, que se ubicará na zona do mirador do río Arenteiro, como elementos máis significativos do proxecto.  

A reforma prevista no Gran Balneario protexe os edificios históricos, que son a Casa de Baños e a Fonte. Na casa de Baños, edificio deseñado polo arquitecto Váquez Gulías a finais do século XIX, e que o propio Gallego Jorreto inclúe entre unha das súas mellores obras, só se abrirá unha porta lateral para comunicar o balneario coa nova piscina acristalada, desde a que se verá a fervenza do río Arenteiro. A cafetería-restaurante tamén terá unhas vistas privilexiadas tanto á fervenza do río como á contorna natural do balneario. O proxecto de Manuel Gallego Jorreto contempla tamén a construción de tres pequenas piscinas exteriores, aínda que non se acometerán nesta fase. O orzamento ronda os 3,4 millóns.

Te puede interesar