La Región

O CARBALLIÑO

Ana Acuña e Diego Ameixeiras son os galardoados co Losada Diéguez

O xurado decidiu otorgar o premio ás obras "Conciencia política e literatura galega en Madrid" e "Conduce rápido" 

O xurado do Premio Antón Losada Diéguez reuniuse onte no salón de plenos do Concello do Carballiño
O xurado do Premio Antón Losada Diéguez reuniuse onte no salón de plenos do Concello do Carballiño
Ana Acuña e Diego Ameixeiras son os galardoados co Losada Diéguez

O xurado da 30ª edición do Premio Antón Losada Diéguez, que se reuniu onte no salón de plenos do Carballiño, acordou por maioría darlle o galardón na modalidade de Investigación e Ensaio á obra “Conciencia política e literatura galega en Madrid", de Ana Acuña. Ademais, por maioría absoluta o xurado otorgoulle o premio de Creación Literaria á novela “Conduce rápido” de Diego Ameixeiras. Ambas obras remitidas por Edicións Xerais.

O xurado decidiu premiar o libro "Conciencia política e literatura galega en Madrid" porque "recolle unha investigación cabal e rigorosa sobre un exilio particular de galegos e galegas na capital do Estado, un grupo consciente da súa galeguidade exercida en Madrid de xeito plural". Na acta tamén se sinala que "o período estudado, 1950-2000, é decisivo na historia de Galiza e na historia española de que esta depende".

En canto a obra "Conduce rápido", valorou "a proximidade da linguaxe ao público máis novo, a constancia na presentación de espazos e personaxes contemporáneos e a súa recepción favorable por parte da crítica e da sociedade en xeral".

O Premio Antón Losada Diéguez é convocado polos concellos de Carballiño e Boborás, que se turnan cada ano para a súa organización. Está dotado con un total de 12.000 euros, 6.000 para cada unha das modalidades.

A entrega do premio terá lugar como en cada edición no pazo da familia Losada, en Moldes (Boborás), no transcurso dun acto literario, no que os galardoados rebirán tamén unha escultura do ilustre galeguista homenaxeado con este premio. Será o día 13 do vindeiro mes de xuño. Nesta edición optaron ó premio 28 obras, 20 de Creación Literaria e 8 de Investigación e Ensaio.