ANDAINA

Unha andaina solidaria en O Carballiño en defensa da igualdade

Participantes da andaina do pasado ano, na Praza Maior do Carballiño.
photo_camera Participantes da andaina do pasado ano, na Praza Maior do Carballiño.
O percorrido será de 15,7 quilómetros pola senda do Arenteiro ata Boborás

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información da Muller organizan a IX Andaina Solidaria "O Carballiño Camiña pola Igualdade", que se celebrará o domingo 8 do próximo mes de marzo. A andaina terá un percorrido de 15,7 quilómetros, cun trazado dun gran interese paisaxístico e histórico, segundo apuntan os responsables municipais, pois transcurrirá polo sendeiro do río Arenteiro ata Castro Cavadoso, no Concello de Boborás, e con regreso pola Reguenga, Miomás e o Parque municipal do Carballiño.

A inscrición é gratuita e pode realizarse desde este luns e ata o próximo día 5 de marzo no Centro de Información da Muller, CIM, no correo electrónico: [email protected] ou no telf. 988 531076. 


Datos


A Concellería de Igualdade, que dirixe Guadalupe Sobrado, sinala que é absolutamente indispensable cubrir a folla de inscrición co nome, apelido, número do Documento Nacional de Identidade e o teléfono, pois a organización contratou un seguro colectivo, e é preciso aportar estes datos.

Aínda que a inscrición é gratuita, por tratarse dunha andaina solidaria a favor de Cáritas, os donativos que fagan os participantes na andaina irán destinados a esta entidade benéfica. A saída está prevista para as 10,00 horas da Praza Maior, polo que a organización recomenda estar uns minutos antes.

Nesta actividade colaboran a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, Ministerio de Presidencia, Asociación de discapacitados físicos do Carballiño (Asdifica), Cruz Vermella, Policía Local e os supermercados Gadis e Eroski, que facilitan o avituallamiento.

Esta actividade forma parte da programación que desenvolve a Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional da Muller, do próximo 8 de marzo. Durante varios días levaranse a cabo distintas iniciativas como charlas, un acto institucional contra a violencia de xénero e tamén esta andaina. Os responsables municipais fan un chamamento á participación, xa que esta actividade ten un dobre significado, por un lado está a da loita pola igualdade, e por outro, o seu carácter solidario en favor da agrupación local de Cáritas e San Vicente de Paúl, que atende a numerosas familias da comarca do Carballiño con baixos recursos ou cando teñen dificultades. A entidade, ademais de repartir alimentos e outros produtos de primeira necesidade, cada venres, no local situado na planta baixa da casa reitoral, tamén se fai cargo do pago de recibos de electricidade, aluguer ou medicamentos, entre outras cousas, ademais de atender aos transeúntes.


Anterior edición


O ano pasado, a Andaina Solidaria "O Carballiño Camiña pola Igualdade" contou con 250 participantes, e a recaudación de donativos voluntarios foi de 600 euros. Nesta ocasión, as autoridades municipais esperan que se sume máis xente co fin de impulsar esta actividade e incrementar a recaudación.

A organización tamén destaca o interés do trazado elexido para esta nova edición, que parte da Praza Maior e seguindo ao Parque municipal continuará polo sendeiro do Muiño das Lousas ata Pontarriza, e os camiñantes chegarán a Moldes e Paradela, e poderán ver o Castro Cavadoso e a Ponte do Castro, de gran valor histórico, e seguirán pola Reguenga cara Miomás para volver de novo ao Carballiño, tras realizar un percorrido de 15,7 kilómetros.

Te puede interesar