O CARBALLIÑO

Os anos 2011 e 2015 foron os máis cálidos en trinta anos

É unha das conclusións ás que chega un estudo ambiental feito polo Observatorio do Carballiño 

Desde finais do século pasado percíbese un retraso na foliación dos carballos na zona do Carballiño, o que reduce o tempo de período vexetativo, pois o cambio de cor da folla, que coincidente coa culminación do periodo, permanece prácticamente invariable. Ademais, obsérvase un retraso na floración dalgunhas especies, como as cerdeiras, ou as mimosas, ainda que as correlacións son baixas.

Estas son algunhas das conclusións do estudo meteo-fenolóxico que veñen de publicar os investigadores do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Miguel Ángel García, físico e colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía, AEMT, desde 1984, e o biólogo Diego Reboredo, no Calendario Meteorolóxico 2017, que edita a referida axencia. Este estudio é un resumo da investigación realizada desde o observatorio meteorolóxico do IES Chamoso Lamas, segundo o rexistro de dúas series: unha meteorolóxica dende 1984 e outra fenolóxica sobre a flora e fauna desde 1991.

Entre os datos meteorolóxicos máis relevantes nos últimos 32 anos no Carballiño figuran algúns como que os anos máis cálidos foron o 2011 e o 2015 (temperatura media: 14,0 ºC); o ano máis frío foi 1986 (media: 11,6 ºC); o ano máis chuvioso foi o 2000 (precipitacións: 1540,6 mm); e o ano máis seco foi 1990 (precipitacións: 739,6 mm). En canto ós datos extremos, destacan: a temperatura máxima rexistrouse o 7 de xullo de 2006 con 41 ºC, e o 18 de decembro de 2001 con -12 ºC de mínima. Por termo medio, ten unha temperatura de 12,9 ºC, a media das temperaturas máximas está en 20,00 ºC e a das mínimas en 5,8 ºC.

Como estudio paralelo á investigación meteorolóxica, desde 1991 recolléronse datos de fenoloxía tanto de flora como de fauna que convirten a serie do observatorio meteorolóxico do Carballiño nunha das máis longas e completas de Galicia polo elevado número de especies fenolóxicas: o carballo, o castiñeiro, o arce, o salgueiro, o chopo, a xesta, o toxo, a mimosa, a vide, a pataca e frutales. Tamén se rexistra a chegada das aves.

Te puede interesar