O “Antón Losada" premia as obras de Velasco e Nogueira

20201003182435416_resultado
Os membros do xurado destacaron a calidade e cantidade de obras presentadas

"Os días felices de Benvido Seixas" de Eduard Velasco foi recoñecido onte co premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria que organizan os concellos de Boborás e Carballiño. Na trixésimo quinta edición, celebrada no edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas de Boborás, os membros do xurado destacaron que a obra de Velasco "evita as modas, e o autor decide contar as peripecias con frescura". Editado por Xerais, o xurado explica que "Eduard Velasco, que se revelou na literatura de noso con dous poemarios, estréase na narrativa cunha novela ben estruturada na que participan personaxes moi traballados e cun ton humorístico logrado, de agradecer no sistema literario galego". O galardón sorprendeu ao escritor, quen tras recibir a chamada do xurado pensou que se trataba dun erro. "Non me esperaba para nada, sorprendeume moito e sempre se agradece, máis cando é un premio ao que non te presentas", declaraba Velasco. 

Na modalidade de Investigación e Ensaio, tamén por maioría do xurado, a obra escollida foi "Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010)" de Camilo Nogueira e da editorial Xerais, segunda vez que resulta premiado no Antón Losada Diéguez. O xurado considerou que o traballo de Nogueira é "o derradeiro elo dunha triloxía adicada a Galicia como nación no mundo: unha interpretación suxestiva que se basea nun importante coñecemento e reflexión da Galicia dos últimos cinco séculos". Unha visión positiva de Galicia plasmada en 700 páxinas da que se sente especialmente orgulloso o autor. "Non teño máis que dar as grazas por completo ao xurado por este recoñecemento", dixo Nogueira.

Tras a xuntanza, o xurado destacou a gran calidade das obras presentadas, 17 na modalidade de creación literaria e 19 en investigación e ensaio. 

A entrega do premio será o vindeiro 7 de novembro no Pazo de Moldes.

Te puede interesar