PATRIMONIO

A ara romana de Eiras, “abandonada" nun xardín

<p></p>
photo_camera Situación na que se encontra a ara, na Casa Grande de Eiras

Os expertos piden protexer a peza, que pode proceder de San Cibrao de Las

Corrían os anos 20 cando unha ara adicada ao deus indíxena Bandua foi levada para a Casa Grande de Eiras, situada nas inmediacións da igrexa parroquial de Santa Uxía, en San Amaro. O explica o historiador Xabier Moure, que explica tamén que non existen datos que confirmen o lugar e a data da aparición da peza, pero que crese que pode proceder do castro de San Cibrao de Las, non moi lonxe desta aldea.

A ara atópase actualmente abandonada no xardín do pazo e por ese motivo, Xabier Moure acaba de presentar sendos escritos ante o Servizo do Patrimonio Cultural en Ourense e o Concello de San Amaro para que se actúe con urxencia. Solicita que, ao amparo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no pasado mes de maio, tómense as medidas necesarias para protexer a ara. O historiador tamén reclama que se inicien os pertinentes trámites legais para trasladala ao centro de interpretación do castro de San Cibrao de Las.


Foi o pasado 10 de outubro "cando volveu a soar a alarma por unha foto dese mesmo día que o ourensán Javier Torres colgou no seu muro persoal do Facebook. A peza romana xa non estaba de pé, senón lixeiramente inclinada, con signos moi evidentes de degradación e en total estado de abandono", puntualiza o historiador.

A ara de Eiras non está catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), mais tendo en conta que é probable que proceda do castro de San Cibrao de Las, sobre este xa se iniciou por parte da Xunta de Galicia o expediente para declaralo coa máxima protección legal e co asentamento, todos aqueles bens con el relacionados. "Como levamos denunciando hai moitos anos, a desprotección do patrimonio, nomeadamente o arqueolóxico, é total. As leis que se fan son, na maior parte dos casos, papel mollado. A desaparición e a apropiación de pezas por particulares é maior do que se cre, moitos dos achados non son comunicados, como marca a Lei, á Xunta de Galicia", sinala Moure.

A ARA FOI DESCUBERTA POR XAQUÍN LORENZO

A ara foi dada a coñecer por Xaquín Lorenzo no 1968 en 'Inscripciones romanas de Galicia IV, provincia de Ourense'. Posterioremente é citada, entre outros, por Rivas Fernández,Pérez Outeiriño, Rodríguez Colmenero e Vidán Torreira. Cando se localizou actuaba como pé dunha mesa de pedra situada no xardín da casa. Despois, o taboleiro de pedra que apoiaba na ara foi retirado, quedando á intemperie. No 2007, o historiador Felisindo González  advertiu do grave risco que corría, presentando un escrito no Rexistro Xeral solicitando medidas para evitar a deterioración ou desaparición. 

Te puede interesar