premio

O arquitecto Gallego Jorreto recibirá o Ágora do Orcellón

De esquerda a dereita: J. Ignacio Fontaíñas, Óscar Gónfer, Antón Pulido, Ana Isabel Rodríguez, Avelino Muleiro, Emilio Fernández e Juan Antonio Rúa.
photo_camera De esquerda a dereita: J. Ignacio Fontaíñas, Óscar Gónfer, Antón Pulido, Ana Isabel Rodríguez, Avelino Muleiro, Emilio Fernández e Juan Antonio Rúa.
O xurado do Instituto de Estudios Carballiñeses salienta o seu compromiso coa paisaxe de Galicia

O Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) fará entrega, no vindeiro mes de novembro, ó arquitecto Manuel Gallego Jorreto dunha peza artística que lle acredita como gañador do premio Ágora do Orcellón, que na súa cuarta edición foi fallado polo xurado nomeado pola asociación o pasado martes no Casino da vila do Arenteiro. Despois de estudar os méritos de cada un dos candidatos propostos ó premio polos membros do Instituto de Estudios, o xurado decidiu por unanimidade concederllo ó arquitecto nado no Carballiño. Según o director da entidade promotora, Avelino Muleiro, " Gallego Jorreto ten no seu poder moitos e importantes galardóns concedidos con anterioridade a este premio pero, pola súa vinculación co Carballiño e a súa disponibilidade para emprender proxectos relacionados con esta vila, o xurado considerou que o Ágora do Orcellón non podería estar en mellores mans".

Según o xurado, o premiado "fai unha arquitectura sempre comprometida con Galicia, na que sabe conxugar dun xeito moi sabio os materiais tradicionais, os oficios e a modernidade, sempre co seu selo persoal de respecto pola contorna e a paisaxe". O Instituto de Estudios Carballiñeses dedicará un número monográfico da revista Ágora do Orcellón ao galardonado, número que será presentado o día da entrega do premio, no mes de novembro. Deste xeito, Gallego Jorreto únese agora ós tres persoeiros anteriormente premiados, Xesús Alonso Montero, escritor e académico da Real Academia Galega da que foi presidente de 2013 a 2017; Mario Augusto Bunge, filósofo, epistemólogo e físico da Universidade McGill (Montreal, Canadá), e Antón Pulido, pintor e tamén deseñador das portadas da citada revista.

O xurado deste IV Premio Ágora do Orcellón estivo formado por Avelino Muleiro, catedrático de filosofía, como director do IEC, e Ana Isabel Rodríguez, psicopedagoga, como secretaria do IEC, ademais dos vogais Antón Pulido, como premiado no 2018; Óscar Gonfer, arquitecto; Emilio Fernández Vázquez, excomisario xefe da Policía Nacional en Vigo;              Juan Antonio Rúa, notario, e Ignacio Fontaíñas, farmacéutico, estes dous últimos como representantes dos socios do colectivo. O gañador do Ágora do Orcellón naceu no Carballiño no ano 1936 e foi Premio Nacional de Arquitectura, entre outros galardóns estatais e internacionais. Ademais se ser o autor do proxecto de transformación en museo da antiga fábrica de papel da Lavandeira, ubicada xunto ó río Arenteiro. Manuel Gallego Jorreto tamén está a elaborar o proxecto de ampliación interior do Gran Balneario do Carballiño, consistente na construcción dun edificio destinado a cafetería no miradoiro existente sobre o río e dunha área de pozas termais que seguirán unha estructura de fervenza.

Ó respecto, cabe lembrar que Jorreto participou nos actos de homenaxe a  Daniel Vázquez Gulías que se celebraron no mesmo centro termal co gallo da conmemoración do 150 aniversario do nacemento deste arquitecto ourensán, que foi autor do proxecto das instalacións do propio Gran Balneario, aberto desde o ano 1901.

Te puede interesar