Unha asociación de Beariz recolle tapóns con fins solidarios

A Asociación Bearicense Daniel Prado Lamas asinou un convenio de colaboración coa Fundación Seur, en outubro do 2021, propietaria da marca rexistrada “Tapones para una nueva vida”, que consiste nun proxecto destinado a recoller tapóns de plástico para a súa reciclaxe. O importe obtido pola reciclaxe de tapóns é destinado á axuda de menores en estado de accesibilidade por enfermidades non cubertas polos sistemas sanitarios ordinarios. 

En consonancia coa sinatura deste convenio a Asociación procedeu a instalar o día 26 de agosto un corazón solidario de 195 x 115 x 46 centímetros na capitalidade do Concello fronte á farmacia, corazón solidario que  en poucos días se encheu polo que xa se procedeu ao primeiro baleirado. Ademais, froito  dunha campaña de sensibilización, xa se recolleron bastantes caixas e sacos cheos de tapóns que se procederán a enviar a Ourense na vindeira semana.

A Asociación ten previsto instalar dous corazóns solidarios máis, un en Doade, na parroquia de Xirazga, e outro en Lebozán.

A asociación é unha organización sen ánimo de lucro que ten como finalidade básica a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza ás familias, que contando con escasos recursos, teñen que coidar aos seus fillos enfermos de cancro

Te puede interesar