arqueoloxia

Atopado un novo petroglifo de 4.000 anos preto de Beariz

beariz
photo_camera Alicia Garrido, Carlos Solla, Víctor Gil e Manuel Fortes, xunto ó petroglifo. (JUAN SOTO)
A asociación Capitán Gosende xa ten catalogados 10 monumentos megalíticos en Xirazga

Un grupo de investigadores da asociación Capitán Gosende, radicada na localidade pontevedresa de Cerdedo, descubriu o pasado domingo un petroglifo de máis de 4.000 anos de antigüidade en terreos situados na parroquia de Xirazga, no municipio de Beariz. Este monumento megalítico posúe a forma dun frontón clásico, con dous metros de altura e outros seis de ancho na base e érguese sobre unha plataforma dun metro de alto. Os gravados que aparecen na rocha están integrados por 37 elementos cruciformes, antropomorfos e idoliformes (figuras representativas de persoas, cruces e ídolos), "que son semellantes aos descritos para outros dous petroglifos que atopamos na mesma zona, e que denominamos Recosto I e Laxa das Buratas", suliña Carlos Solla, un dos directivos de Capitán Gosende.

Precisamente, debido ás semellanzas, os investigadores decidiron nomear "Recosto II" a este novo achádego, "pero a diferencia do Recosto I, as escenas gravadas na pedra están orientadas cara ás aldeas e ó naciente e non cara ó poñente", engade o investigador. Carlos Solla destaca que, debido á existencia de rochas metamórficas nesta contorna de Xirazga, "pola ausencia de amplos soportes lisos e horizontais, os talladores prehistóricos escolleron paneis verticais para realizar os seus gravados rupestres". Estes investigadores do patrimonio arqueolóxico da Terra de Montes contabilizan un total de 10 achádegos na parroquia de Xirazga, entre eles, o devandito petroglifo Recosto I, no que describiron un total de 16 gravados do mesmo estilo.

No ano 2013, localizaron a Laxa das Buratas, un petroglifo das mesmas características que os Recostos, "que xa fora catalogado polo etnógrafo Fermín Bouza Brey, que datou este petroglifo nos inicios da Idade do Bronce, é dicir, con máis de 4.000 anos de antigüidade". O descubrimento deste petroglifo segue no tempo ó menhir (un elemento de culto funerario) que a asociación atopou hai un mes na mesma Xirazga, e cunha antigüidade datada nos 6.000 anos.

Te puede interesar