O Auditorio terá un novo sistema de climatización, son e alumeado

As deficiencias atopadas pola Concellería de Educación e Cultura do Carballiño no sistema de climatización do Auditorio municipal obrigará á instalación dun novo, según anunciou a responsable dese departamento, Asunción Rivero. 'Imos dotar ó edificio dun sistema de calefacción e aire acondicionado que supoña un maior aforro de enerxía', apuntou a edil socialista.
Por outra banda, o Concello carballiñés tamén tentará mellorar na medida das súas posibilidades económicas o alumeado do escenario, que aínda posúe os mesmos focos que se instalaron cando se inaugurou iste centro cultural, en maio de 1995. O incremento dos puntos de luz repercutirá na calidade das representacións teatrais, unha vez que o mes pasado fose colocado un telón e unha cámara negra, cun orzamento de 16.000 euros.


GOTEIRAS

Ademais, o departamento municipal de Cultura prevé introducir máis potencia no sistema de son existente na actualidade, que é de 2.000 vatios para as actuacións musicais e, tamén, as proxeccións cinematográficas que organiza tódolos venres o Cine Clube Carballiño. Un problema que aínda está pendente de solucionar é a aparición de goteiras no porche e na sala de recepción do Auditorio, que non foron subsanadas durante o arranxo da cuberta.

Te puede interesar