ACTO

Baltar: "A razón do noso gran apoio electoral é o galeguismo"

<p></p>
photo_camera Amaya Fernández e Manuel Baltar, durante o acto de clausura da Escola de Verán Miguel Ángel Blanco.

No peche da Escola de Verán, a secretaria xeral do PP vasco lembrou a figura de Miguel Ángel Blanco

O Partido Popular clausurou a súa Escola de Verán Miguel Ángel Blanco, que se desenvolveu na Casa da Cultura do Carballiño desde o pasado venres. A aposta polo galeguismo como marca identificadora e diferenciadora foi o tema que centrou os relatorios e tamén a mesa redonda que daba paso onte ao acto de clausura, a cargo do presidente provincial, Manuel Baltar, e da secretaria xeral do PP no País Vasco, Amaya Fernández.

Segundo sinalou Manuel Baltar, os populares non deben ter complexos á hora de exercer o galeguismo, "porque ese é o noso factor diferencial, a razón do gran apoio electoral que tivemos e que seguiremos a ter na provincia". Tamén destacou Baltar que na provincia houbo persoas con inequívoca vocación transformadora e galeguista, citando por exemplo a Eulogio Gómez Franqueira, ademais de facer referencias aos ourensáns que participaron en Centristas de Galicia. "A resposta á política que temos que facer dende e para Galicia está no galeguismo, que nace dun dos tesouros que temos que é o noso idioma".

Cunha referencia expresa a Miguel Ángel Blanco, "que personifica a liberdade e a paz", Manuel Baltar afirmou que o galeguismo tamén é exercitar a memoria, reivindicando a importancia que tivo Ourense "non só na formación do pensamento político galeguista, senón tamén do devir histórico das formacións políticas en Galicia".

Miguel Ángel Blanco, símbolo

A secretaria xeral dos populares vascos, Amaya Fernández, que tamén ocupa o cargo de vicesecretaria do PP de Vizcaya e maila presidencia da formación en Barakaldo, concello no que exerce de portavoz, referiuse a Miguel Ángel Blanco como unha figura que representa a tódalas vítimas do terrorismo, e asegurou que co asasinato deste concelleiro do PP empezou a decadencia da ETA. "E supuxo un cambio na sociedade vasca que comezou a crer nela mesma, un paso imprescindible para derrotar ao terrorismo".

Para Fernández aínda quedan tres batallas por diante, tan importantes como as libradas ata o de agora: a disolución de ETA, a memoria das vítimas do terrorismo para humanizalas e o relato do acontecido durante catro décadas, "contando a verdade do que padecimos para que as xeracións que non viviron o terrorismo saiban o que sufrimos, destacando a nobreza da sociedade civil que se enfrentou á banda e a dignidade das vítimas fronte á vileza dos terroristas".

Antes das intervencións de Baltar e Fernández, para clausurar a escola de verán, proxectouse "A xeración MAB", video homenaxe a Miguel Ángel Blanco.

Te puede interesar