Beariz presentou unha nova edición da revista ‘O Quince’

Manuel Prado, no acto de presentación da revista.
photo_camera Manuel Prado, no acto de presentación da revista.

O salón de plenos da Casa do Concello de Beariz acolleu a presentación da revista de difusión cultural “O Quince”, que xa chegou á súa 32ª edición cun amplo contido de artigos literarios, históricos, de investigación e de hemeroteca, todos eles vencellados ao municipio e á súa comarca natural, a Terra de Montes.

Neste acto, ademais do alcalde, Manuel Prado, participaron os veciños e colaboradores que participaron na elaboración da publicación, coma é o caso do concelleriro Tomás Sancho, autor da editorial que abre a revista, que na súa portada leva unha antiga imaxe da igrexa de Santa María, a patrona da parroquia bearicense.

A publicación recolle, entre outros temas, os traballos que foron premiados no Concurso Literario do 2021, e dos que o xurado calificador destacou “a evidente mestría na arte da composición, con magnífico dominio do artificio lingüístico e que sobresaíron pola orixinalidade dos seus argumentos”. Os galardóns corresponderon a “Bandido”, de Beatriz Pérez González; “Selfies”, de Leopoldo Cañizo Durán, e “Pulpo á galega”, de Pablo Nogueira Campo.

A nivel de investigación, destaca o artigo “Evolución histórica do aproveitamento hidráulico de Beariz”, que dá a coñecer e redescubre os xeitos de aproveitamento da enerxía e de domear a paisaxe. Outra aportación interesante é  “O Castro de Garfián, na procura do noso pasado galaico”, na que o arqueólogo Jorge Lamas expón as características deste xacemento, que ten uns 80 metros de diámetro.

Te puede interesar