NATUREZA

Beariz quere potenciar as praias de Doade e Magros

<p></p>
photo_camera Praia de Magros, no Concello de Beariz.

Presentou á Xunta un proxecto de sinalización con paneis tecnolóxicos

O Concello de Beariz persegue potenciar e poñer en valor as súas dúas praias fluviais, ubicadas en Doade e Magros, ademais dos lugares dos seus entornos que poidan resultar de interés para os visitantes. Con tal motivo, remitiu un proxecto á Xunta de Galicia, que ten como obxectivo principal a implantación dun conxunto de paneis tecnolóxicos interpretativos con diversos elementos divulgativos e a súa vez sinalécticos que permitan percorrer os lugares e que poñan en valor as dúas praias fluviais do territorio e a riqueza paisaxística relacionada coas mesmas. Os elementos divulgativos, segundo o proxecto, son paneis tecnolóxicos nos que se poderá interpretar a paisaxe e elementos de interese patrimonial con textos, gráficos, fotografías, audios e vídeos.

O acceso á información poderá facerse a través de diversas tecnoloxias, para que sexa o usuario quen escolla coa que se sinte máis cómodo: QR, NFC, Web, realidade aumentada, entre outras, permitindo o visionado de vídeos, fotografías, textos ou a posibilidade de escoitar pequenas audioguías ou testemuños que sirvan para enriquecer a visita facendo uso dos propios móbiles dos visitantes.

Por outra parte, o Concello pretende realizar unha actuación integral sobre determinados elementos que actualmente degradan as vistas das praias fluviais polo seu deterioro.

Para conseguir a financiación necesaria, o Concello de Beariz ven de solicitar una subvención á Consellería de Turismo da Xunta de Galicia que cubra parte do custo total do proxecto, que ascende a preto de 17.000 euros.

Concello de Beariz realiza cada ano traballos de mantemento e mellora das praias fluviais, que constitúen o recurso máis demandado do concello polos visitantes no verán, segundo valoran as autoridades municipais. Engaden que entre os meses de xullo e setembro hai unha gran afluencia de usuarios que valoran moi positivamente a localización destas praias de Doade e Magros e os seus servizos. Ademais, e relacionado tamén coa potenciación do turismo, é necesario o mantemento das rutas de sendeirismo, que se atopan en proceso de homologación pola Federación Galega de Montañismo, e a edición de material de promoción turística.

Te puede interesar