La Región

O BNG desexa o nomeamento dun novo alcalde para San Amaro

Os concelleiros socialistas Carlos Pérez e Rubén Gómez son os dous nomes que se barallan para substituíla

O BNG desexa o nomeamento dun novo alcalde para San Amaro

A cabeza da lista do BNG ás pasadas eleccións municipais en San Amaro, Mariana Rivera, pídelle "seriedade" ao cogoberno do Concello tras a dimisión da alcaldesa socialista, María del Carmen Pérez, elexida para o cargo logo dun pacto entre o PSOE e Xuntos por San Amaro, que suman cinco concelleiros da Corporación, que relegou ó PP, con catro, á oposición. A candidata nacionalista considera que "non é normal que despois de tres meses de tomar posesión vemos como PSOE e Xuntos por San Amaro se rifan a cadeira da alcaldía mentres que a veciñanza precisa de cambios profundos e sociais".

A representante do BNG engadiu, neste sentido, que "logo de tantos anos de goberno do Partido Popular, os veciños do municipio precisan estabilidade e proxecto de futuro".

A socialista María del Carmen Pérez, que fora nomeada hai tres meses como alcaldesa, presentou a súa dimisión "por motivos persoais", se ben non renunciou á súa acta de concelleira. Dende o BNG de San Amaro suliñan que esta é unha proba máis dos desencontros entre as dúas formacións que cogobernan. "Pedimos que se conforme xa un novo equipo de goberno, que se poñan dacordo PSOE e Xuntos, e que se nomee un novo alcalde para darlle estabilidade ao Concello", indicou Mariana Rivera.

Ó respecto desta situación, na xornada deste venres aínda non se rexistrara novidade algunha sobre quén será o substituto de María del Carmen Pérez á fronte da alcaldía de San Amaro, según confirmaron fontes da dirección provincial do PSOE. Nestes intres, barállanse como potenciais suplentes na alcaldía Carlos Pérez Iglesias e Rubén Gómez González, que son os dous concelleiros electos que acompañaron a Pérez na candidatura socialista por este municipio.