O BNG inicia unha campaña en contra dos eólicos no Suído

Os nacionalistas organizarán charlas, roteiros, recollidas de sinaturas e reunións con colectivos sociais

Cargos públicos nacionalistas demandan á Xunta a paralización cautelar de megaparques eólicos porque consideran que arrasan o territorio e ameazan hábitats de interese prioritario. O BNG vai presentar nos vindeiros días iniciativas en defensa do Suído nos concellos de Beariz, Avión, A Lama, Fornelos, Covelo e Mondariz, nas deputacións de Pontevedra e de Ourense e no Parlamento galego. Aseguran os nacionalistas que estes parques eólicos "poñen en risco hábitats declarados de interese prioritario pola Unión Europea como as turbeiras altas activas, as matogueiras húmidas atlánticas e os bosques aluviais de ameneiros e freixos". 

Ademais, apunta o BNG que os proxectos que están a tramitación non teñen en conta a declaración da Serra do Suído como Área de Especial Interese Paisaxístico e engade que os 20 proxectos previstos no Suído, O Faro de Avión e A Paradanta conforman un megaparque industrial e responden a unha visión economicista.

Ademais de presentar iniciativas nas institucións, o BNG ten previsto iniciar neste mes de marzo unha campaña de información e mobilización social mediante a organización de charlas, roteiros, recollidas de sinaturas e reunións con colectivos sociais. "O obxectivo desta campaña é alertar das irregularidades da tramitación dos megaparques eólicos debido á división fraudulenta dos proxectos en unidades máis pequenas e á ausencia de avaliación ambiental conxunta de proxectos que comparten infraestruturas", sinala. 
O grupo nacionalista presentará propostas alternativas para a dinamización e o desenvolvemento dos concellos da serra do Suído e do Alto Tea. Así, fronte a este modelo defende un plan plurianual de dinamización socioeconómica e o desenvolvemento sustentábel liderado pola Xunta en coordinación cos concellos e deputacións e coa participación das entidades sociais da zona.

Te puede interesar