O CARBALLIñO

O BNG local propón a análise dos mananciais

O grupo nacionalista do Carballiño pretende que o concello realice un control cada dous ou tres meses das fontes

O grupo municipal do BNG de Carballiño insta ó goberno municipal socialista mediante unha moción a poñer en valor as fontes públicas do municipio, ó mesmo tempo que pretende que se realicen analíticas cada dous ou tres meses co fin de informar ós veciños sobre as condicións sanitarias de cada manantial. Nese sentido, tamén apunta a necesidade de localizar os nacementos e trazados para intervir coas obras necesarias co fin de recuperar a potabilidade das augas se fose necesario e factible.

Este grupo da oposición considera que o gasto sería totalmente asumible, xa que unha análise bactereolóxica costa 31 euros e unha máis completa, na que se inclúen os compoñentes químicos, supón un gasto de 47 euros, "o que daría unha maior seguridade ós veciños, o feito de que estivesen as fontes controladas",sinalaba o concelleiro Marco Reboredo.

Deste xeito, a proposta do BNG concretase en localizar os mananciais e canalizacións e proceder a súa limpeza, coidado e a tomar as medidas protectoras que fosen precisas. Tamén, levar a cabo analíticas tanto bacteriolóxica como química das augas, ó mesmo tempo que se difunden os resultados nos medios de comunicación e na web do concello.

Ademais, considera importante a legalización das fontes que sean de propiedade municipal ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e finalmente propón que se elabore unha ordenanza municipal para a protección dos mananciais, limitando a plantación de eucaliptos ou a aplicación de herbicidas a menos de 200 metros dos mesmos, entre outras medidas que se consideren pertinentes para tal fin.

Marco Reboredo e Sofía García recordan que son moitos os vecinos que consumen auga das fontes públicas e sin ter ningunha garantía como a de realizar analíticas cada dous ou tres meses.

Te puede interesar