Política

O BNG reclama máis atención para o parque etnográfico de Carballiño

a portavoz nacionalista, Sofía García, considera que esta contorna está nun "estado lamentable"

A portavoz do BNG na Corporación do Carballiño, Sofía García, chama a atención do que considera como unha situación de abandono do parque etnográfico do río Arenteiro, que está "nun estado lamentable". Nese sentido, sinala que "o desleixo do goberno municipal ponse de manifesto unha vez máis", e refírese ao Muiño das Lousas que está moi deteriorado, o do Anxo que está pechado, a fábrica de papel que segue sen abrir e outros elementos que non teñen os coidados precisos e que acaban degradándose, segundo afirma.

Sofía García puntualiza en relación a este parque que "sendo unha das xoias naturais da vila non se coida, non se rehabililita, e non se pon en valor. E peor aínda, o deterioro de varios elementos xera zonas perigosas para a veciñanza, os visitantes e os máis cativos". Ao respecto, sinala a "madeiras podrecidas que non manteñen a súa integridade estrutural, e barandas das pasarelas do río tan deterioradas que poden xerar problemas de gravidade". 

Ademáis, tamén chama a atención sobre "a mala imaxe de elementos senlleiros case en estado de ruina, pallozas que perderon teitos de palla, o muiño e a casa do muiñeiro pechados, mesmo o restaurante, pechado desde 2013, atópase xa en estado de ruina, agravado polos efectos do vandalismo".

Finalmente, refírese ao lavadoiro de Toscaña, e recorda o compromiso do concello de arranxalo, pero que ata agora non se cumpriu.

Te puede interesar