o carballiño

Boborás contará con senda peonil no vial da estación

Patricia Torres, Ethel Vázquez e Marisol Díaz durante a firma do convenio.
photo_camera Patricia Torres, Ethel Vázquez e Marisol Díaz durante a firma do convenio.
Un convenio da Xunta e Concello permitirá unha inversión de 210.000 euros no proxecto

Un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Boborás permitirá dotar dunha senda peonil e mellorar a calzada da estrada OU-214. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, vén de asinar coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o convenio de colaboración para a execución desta obra que terá un investimento autonómico de 210.000 euros.

O obxectivo do acordo é a colaboración técnica e económica entre a Xunta e o Concello de Boborás para a redacción do proxecto técnico e a posterior execución dunha senda peonil neste vial de titularidade autonómica, así como a pavimentación da súa calzada.

Estas actuacións levaranse a cabo ao longo dos 900 metros que ten este acceso, que comeza na  N-541, na Almuzara, e remata na estación de ferrocarril de Boborás.

O convenio contempla a renovación do firme, xa que a capa de rodadura se atopa deteriorada. As marxes contan con cuneta en terra e pequenos noiros que permitirán a construción dunha senda peonil paralela. Nalgún treito tamén será necesaria a canalización de pluviais.

Para a materialización destas obras será preciso executar traballos previos necesarios, a pavimentación da estrada e da senda, a construción de pequenos muros de contención ou a execución puntual da rede de drenaxe de augas pluviais. Tamén se disporán elementos de sinalización horizontal e se repintarán as marcas viarias afectadas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asumirá o financiamento das obras e o compromiso de transferir ao Concello de Boborás a titularidade da totalidade desta vía. Mentres, o concello encargarase de adxudicar, dirixir e executar as actuacións de conformidade co proxecto, asumir a titularidade da estrada antes da licitación das obras, e a obriga da súa conservación e mantemento posterior. O Goberno galego, con estas actuacións, busca acondicionar a infraestrutura coa finalidade de incrementar a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida.

Te puede interesar