O proxecto pretende 'dar servizo a un 40% dos veciños do concello'

Boborás forma a persoas para axudar ós maiores

Calzada de acceso a Pazos de Arenteiro. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O envellecemento da poboación de Boborás, onde 1.200 habitantes dos 3.000 totais (o 40%) teñen máis de 65 anos, levou ó equipo municipal de goberno a incluir un módulo de axuda no fogar no novo proxecto de taller de emprego que presentou ante a Consellería de Traballo e Benestar.
Neste sentido, o rexedor, Cipriano Caamaño, considera que 'temos que manter a nosa política de servizos sociais, por unha banda fomentando a natalidade con incentivos ás parellas e, por outra, cuidando dos nosos maiores'. A tenente de alcalde, Eva Pardo, sinala que 'confiamos en que se aprobe o novo proxecto, no que contemplamos unha sección específica para a formación de oito persoas en asistencia domiciliaria, en prevención de problemas futuros de dependencia dos nosos maiores'. No anterior programa de taller de emprego, xa se contemplaban outros dous módulos, cadanseu de 10 alumnos, de albanelería e acondicionamento forestal, que non recibiron o visto bó do anterior Goberno da Xunta.

'Trátase de abrir un sendeiro entre o conxunto histórico de Pazos de Arenteiro e o encoro de Albarellos, onde tamén se restaurarán catro antigas adegas de Ribeiro nos núcleos de Tamán e Tumbelo, ademais da rehabilitación da nave que posuía Renfe na estación de Xuvencos, para a súa conversión nun centro social', apunta Eva Pardo. O orzamento global do proxecto é de 600.000 euros.

Te puede interesar