CELEBRACIÓN

Cabanelas repartirá 400 litros de tinto na Festa do Viño Novo

O Concello do Carballiño porá a disposición das persoas que queiran acudir a este evento e non desexen levar o seu coche, un servizo de microbús gratuito, que sairá da Praza Maior

A XIX Festa do Viño Novo de Cabanelas, que se celebrará o próximo 20 de novembro, porá a disposición dos visitantes 400 litros de tinto desta derradeira colleita. O evento presentouse hoxe na adega de Emilio Vázquez, que ten máis de 300 anos de antigüidade e que é un claro exemplo da relevancia histórica desta parroquia do Carballiño no cultivo das vides e na elaboración do viño, en especial do viño tinto, que é o principal referente da zona. O programa inclúe animación musical, coa charanga Castro Bello, e, sobre todo, a degustación de pulpo, carne ao caldeiro, chourizos con cachelos, castañas e viño novo de Cabanelas. O xantar está previsto para as 14,00 horas, pero tamén se poderá degustar este mesmo menú a partir das 18,30 horas ata a noite.

O Concello do Carballiño porá a disposición das persoas que queiran acudir a este evento e non desexen levar o seu coche, un servizo de microbús gratuito, que sairá da Praza Maior, cada hora entre as 11,00 e as 14,00 horas, e entre as 16,00 e 19,00 horas. Segundo dixeron os colleiteiros, a produción esta tempada baixou un 50%,  recolléndose en toda a parroquia uns 30.000 litros de viño. Pero, a cambio, aseguraron que a calidade do viño era moi boa. E por esta mesma razón animaron a todos a asistir á festa e degustar este viño novo que, tal e como se amosou durante a presentación, é natural cen por cen. 

Ao acto asistieron o alcalde, Francisco Fumega e os concelleiros de Turismo, Manuel Dacal, e de Medio Rural, Rosario González, ademáis do mantenedor da festa, Delfín Borrajo, e colleiteiros. 

Te puede interesar