celebración

Cabanelas repartirá 500 litros durante a Festa do Viño Novo

Cabanelas1_result
photo_camera Participantes no acto de presentación da XX Festa do Viño Novo de Cabanelas.

O evento chega a súa vixésima edición e terá lugar o domingo día 19 organizado pola asociación de veciños

A Asociación de Veciños de Cabanelas, no Concello do Carballiño, ofrecerá aos visitantes máis de 500 litros de viño na nova edición da festa adicada a estos caldos, que se celebrará o vindeiro domingo día 19 de novembro. O evento foi

presentado onte nunha das adegas históricas da parroquia, situada no pazo dos Quiroga. No marco desta adega, os concelleiros de Turismo e Cultura do Carballiño, José Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente, xunto co presidente da Asociación de Veciños, Delfín Borrajo, así como de Miguel e Rubén Borrajo, que conforman tres xeracións da familia, presentaron o cartel e o programa previsto para o día da festa.

A celebración desta festa gastronómica, que este ano chega a súa vixésima edición, comezará ás 11,00 horas, coa misa na igrexa parroquial. Ao remate haberá un pasarrúas da charanga “A cabeza non para”. Esta formación musical de Bueu foi convidada como referencia ao grupo de case cen persoas que viaxan dende Bueu paraparticipar na festa. Ás 12,00 horas haberá degustación de viño novo e castañas asadas, e a partir das 14,00 h., comezará o xantar no campo da festa co menú característico de pulpo, carne ao caldeiro, chourizos novos con cachelos, viño novo de Cabanelas, castañas asadas, café e licor café. Este mesmo menú poderase degustar pola tarde, a partir das 18,30 horas.

Oconcello poñerá un servizo de microbús que circulará entre as 11,00 e as 14,00 e as 16,00 e 19,00 cada hora dende a Praza Maior (fronte ao concello do Carballiño) ata Cabanelas e regreso.

Delfín Borrajo, cuxa familia leva residindo no pazo dos Quiroga hai máis de cen anos, asegurou que a colleita deste ano era boa en cantidade e calidade, pois non lle afectaron as xiadas. José Manuel Dacal animou aos carballiñeses e posibles visitantes a disfrutar desta festa, que ofrece un bo ambiente nun lugar cunha paisaxe de outono excepcional. Fixo mención aos xa 20 anos de historia da festa e agradeceu o traballo e a dedicación desenvolvidos pola asociación de veciños e os adegueiros. Diego Fernández tamén animou a disfrutar do viño novo e os productos típicos que están incluidos no menú do xantar a prezos moi populares.

Finalmente, Miguel Borrajo, patriarca da familia, lembrou os anos gloriosos nos que en Cabanelas se colleitaban máis mil moios de viño (uns 128.000 litros). Viño que se chegou a exportar a Bos Aires en barricas chamadas bordalesas e cuxo promotor era Nemesio Alemparte. Daquela e ata hai algún tempo o viño tinto de Cabanelas tiña moita sona en Galicia, sobre todo na zona da costa (Vigo e Rías Baixas) e no interior (Santiago e Lalín). Tamén lembrou unha tradición moi antiga pola que ás mulleres embarazadas se lle daba a beber unha cunca de viño tinto.

Te puede interesar