ENTREVISTA - VIDA

O carballiñés Alberte Pagán: do cinema á literatura

Alberte Pargán.
photo_camera Alberte Pagán.

No 2016 recibiu o Premio da Crítica de Galiza na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais e, no recente Festival Curtocircuito de Santiago, foi galardoado co Premio Galicia por "Uluru"

O cinema experimental galego leva o nome de Alberte Pagán. Os seus comezos foron en 16mm, nos anos 90, pero non foi até 2004, xa traballando en vídeo, cando mostrou publicamente as súas películas. Algunhas delas, como "Bs. As.", "Tanyaradzwa", "Pó de estrelas" ou "A Fundamental Error", foron premiadas ou recoñecidas en diferentes festivais. Pero, ademais de director, tamén se adica á didáctica e á divulgación do cinema experimental, programando ciclos e escribindo extensamente sobre el. No 2016 recibiu o Premio da Crítica de Galiza na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais e, no recente Festival Curtocircuito de Santiago, foi galardoado co Premio Galicia por "Uluru"

"Uluru" é o nome do seu último traballo, cóntenos, qué se atopa nel o espectador?Alberte filmando (fotoTania Maria Elisa, 2016)_result

"Uluru" é un percorrido alucinóxeno polo perímetro da rocha do mesmo nome que se ergue nas chairas centrais de Australia. É unha rocha sagrada para as poboacións aborixes, que están a loitar pola súa autodeterminación. De feito, moitos territorios aborixes xa declararon, unilateralmente, a súa independencia, ante a incapacidade do goberno de amosarlles ningún documento de compra-venda ou ningunha capitulación bélica que demostren o seu dereito a gobernalos. Para estes pobos Uluru é tanto unha catedral (lugar sagrado) como unha biblia (santas escrituras que se espallan por toda a superficie da rocha e que pretendo recoller na miña película).

Con este traballo vén de ser premiado no Festival Curtocircuito de Santiago, un recoñecemento máis a súa extensa traxectoria... qué supón para vostede ver recoñecido o seu traballo con estes galardóns?

O cinema experimental ten moi pouco público. Estes recoñecementos permiten que xente allea a este tipo de estéticas se acheguen á miña obra.

Que opinan os primeiros espectadores deste traballo?

"Uluru" só se proxectou en público dúas veces, no Liceo Mutante de Pontevedra e no festival Curtocircuito. A única maneira que teño de tomarlle o pulso ao público e ver o numero que visionados que ten a película na Rede. A día de hoxe, 189 persoas viron a película e a dúas “gustoulles”. Iso, para as miñas estatísticas, é todo un éxito.

Como é o cine que fai Alberte Pagán?

Eu fago cine experimental. Pretendo que o meu público sexa consciente da forma e por tanto da función da linguaxe na transmisión dos contidos. Se a unha directora de comedias se lle pregunta que pretende co seu cinema, unha resposta obvia sería “facer rir”. A min téñenme preguntado o mesmo, e a miña resposta sempre foi “facer pensar”. O significado dunha película tamén depende dos modos de produción, da maneira na que esa película chega ás pantallas. No meu cinema eu tento aplicar a fórmula de que “a estética sen ética é pura cosmética”. Nese senso eu digo que fago cinema político, porque aínda que os “contidos” políticos non sexan tan obvios a primeira vista, as miñas películas están feixas dun xeito político, comezando polo rexeitamento da industria capitalista.

Pero o cinema non é a súa única adicación, é, ademais, escritor. Fálenos da súa faceta literaria.

Teño publicado libros de cinema, sobre Andy Warhol, Eugenio Granell ou o cinema experimental internacional. A algúns dos meus guións dinlles unha volta semántica converténdoos en obras de teatro (Como foi o conto e outras peças teatrais). Tamén publiquei o poemario "Prosopagnosia", inspirado por unha banda na poesía de Kavafis e nas revolucións exipcias e por outra nos xogos verbais do James Joyce de Finnegans Alberta  2017_resultWake. E por último está a miña novela "Percorridos por unha teoría do desexo".

En “Percorridos por unha teoría do desexo" permite libre elección de lectura de capítulos. É unha forma de involucrar máis ao lector? 

"Percorridos" mistura o ensaio coa ficción e o relato curto coa novela. Cada capítulo é un relato independente, pero o conxunto pódese ler como un percorrido polo devir sentimental, vital e político de todas as personaxes que, en definitiva, son unha soa; un percurso que vai desde a infancia até a idade madura. Na orde na que están publicados comezamos coa madurez, e en cada capítulo imos retrocedendo no tempo até a primeira adolescencia. Pero a orde numérica reproduce a orde na escrita, o que quere dicir que a idade da personaxe nun capítulo concreto correspóndese, en xeral, coa idade do autor durante a redacción. Deste xeito mesmo o estilo literario de cada relato é un reflexo das diferentes preocupacións estéticas do autor ao longo das décadas de redacción da novela.

Escribe como terapia?

En principio, debería responder que non. Son de escritura lenta e dolorosa. Pero relendo algúns dos capítulos de "Percorridos" teño que recoñecer o seu, involuntario, carácter terapéutico.

En que o veremos próximamente...

En breve teño película no festival Zinebi de Bilbao (Flora e fauna) e no de Sevilla (Walsed). E a cabeza está chea de proxectos, tanto literarios como cinematográficos; pero a vida é breve e chea de compromisos (o urxente non deixa tempo para o importante) e un fai o que pode.

Te puede interesar