Carballiño acende este xoves a súa iluminación de Nadal

reno.jpg_web
photo_camera reno.jpg_web
O Concello promoverá unha campaña de promoción das compras no comercio local 

O Concello do Carballiño acenderá mañá a iluminación de Nadal. Nesta nova convocatoria aposta polo aforro enerxético e por potenciar as instalacións conmemorativas nos espazos públicos da vila.

Por iso, reducirase o horario de funcionamento, apagando cada día as luces ás 00,30 horas. Haberá, entroutros elementos decorativos, a casa de Nadal, unha gran árbore e a caixa de agasallos na Praza Maior e a carroza con renos en Emilia Pardo Bazán.

“Dende hai anos O Carballiño mantén a tradición de potenciar as festas de Nadal cun alumeado temático que ten por obxectivo animar a vila e contar cos espazos públicos ambientados cos motivos propios destas festas para que os veciños e os visitantes gocen dun Carballiño a xeito cos días de celebración e de festas familiares que se organizan nestas datas”, apunta o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

O Concello tamén promoverá unha campaña de promoción das compras no comercio local e colaborará nas iniciativas que se organicen dende o propio Centro Comercial Aberto do Carballiño.

Te puede interesar