O Carballiño

Carballiño, a comarca que xera máis empregos tras Ourense

O Carballiño

EMPREGO

Carballiño, a comarca que xera máis empregos tras Ourense

Andrés Mazaira, Manuel Baltar e José Manuel Rodríguez durante a presentación.
photo_cameraAndrés Mazaira, Manuel Baltar e José Manuel Rodríguez durante a presentación.

Manuel Baltar presentou a análise do Observatorio Económico Ourensán para esta zona e O Ribeiro 

A comarca do Carballiño consolida os 8.000 empregos e refórzase como o segundo mercado laboral máis amplo da provincia despois da comarca de Ourense. Así o indica o Observatorio Económico Ourensán das comarcas do Carballiño e Ribeiro, que foi presentado onte como unha ferramenta para ver a evolución demográfica e socioeconómica polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira.

Baltar destacou que o Carballiño é, xunto á Baixa Limia, Viana e Terra de Trives, a comarca “na que a rexeneración laboral avanza a máis forte ritmo, sendo a segunda en impulsar o maior número de postos de traballo”. Tamén sinalou que as dúas comarcas –Carballiño e Ribeiro- contribuíron ao descenso do paro no conxunto da provincia. 
En Carballiño a taxa interanual de paro rexistrou unha baixada do 14,6% e no Ribeiro do 8%. No último ano, as empresas  instaladas no Carballiño xeraron 291 empregos netos, e no Ribeiro un total de 51 empregos. Outro dato positivo que sinala o Observatorio Económico referido á comarca do Carballiño é que sostén o 8,2% de todo o emprego ourensán.

Por outro lado, a comarca do Ribeiro foi a única da provincia en asinar unha taxa de variación negativa das afiliacións en 2016, se ben cun mínimo descenso do 0,4%. Segundo a interpretación do Observatorio, o dato en si non é ameazante, xa que este mercado local acusa moito a temporalidade nos cuartos trimestres. Ademais, tamén puntualiza que ambas comarcas aportan 14 dos 58 concellos da provincia que aumentaron en 2016 o número de afiliacións desde a variable do lugar da conta de cotización do traballador.
Ao acto, que se desenvolveu no salón de plenos do Carballiño, asistiron representantes institucionais, empresariais e sociais. 

A poboación descende nas dúas comarcas
A poboación das comarcas de Carballiño e O Ribeiro, que representa preto do 14%  do total da provincia, ven acusando descensos nos últimos anos, máis acentuados no caso do Ribeiro. Deste xeito, a comarca do Carballiño pasou de ter 30.000 habitantes no ano 2000 aos 27.108 na actualidade; e O Ribeiro descendeu de 20.000 a 16.547 habitantes. Esta redución é lixeiramente superior ao decrecemento poboacional medio da provincia: -1,1%. Pero si estendemos a comparativa ata o ano 2000, o descenso poboacional é do 10,96%. O profesor Andrés Mazaira apuntaba que "temos que ser capaces de construir unha sociedade na que a idade media é maior". Engadía Andrés Mazaira que "hai perda de poboación cara o exterior, pero é un reto vivir con eso e atraer xente de fora, creando riqueza e con solidaridade".