Carballiño estrea nova sede municipal para emerxencias

Francisco Fumega e Manuel Sotelo con algúns membros de emerxencias nas instalacións.
photo_camera Francisco Fumega e Manuel Sotelo con algúns membros de emerxencias nas instalacións.
O Concello acondicionou o antigo campo da feira do gando situado no parque empresarial 

 O Servizo Municipal de Emerxencias do Carballiño, que conta cun cadro de persoal que aumentou de 8 a 16 efectivos neste último mandato, xa conta con novas instalacións, emprazadas no antigo Campo da Feira e adaptadas ás necesidades dun equipo que traballa 24 horas os 365 días do ano. 

Así, a nave dispón de garaxe para vehículos, cabina de recarga de botellas para incendios, zona de lavandería, dúas habitacións, dous baños, sala de xuntas e cociña, entre outras dependencias. 

Para a construción destas novas instalacións, o Concello investiu un total de 158.860 euros, contándose cunha subvención de 60.000 euros da Xunta de Galicia. A maiores, o gasto para o equipamento ascendeu a 25.000 euros.

Cómpre lembrar que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia (APLU) notificou no mes de xaneiro de 2021 ao Concello do Carballiño a obrigación de derruír a antiga nave do Servizo Municipal de Emerxencias, ubicada na explanada da estación de ferrocarril, que estaba adosada coa sede, a antiga cantina da estación. A APLU resolveu, tras a denuncia dun particular, que o terreo onde estaba emprazada posuía a cualificación de Sistema Xeral de Zonas Verdes. 

Unha vez derribada a infraestrutura, cuns traballos aos que se destinaron 26.000 euros, e tras decidir o novo emprazamento, o seguinte paso do executivo local foi buscar financiamento para executar o proxecto e dotar ao servizo dunhas instalacións adaptadas as súas necesidades. 

Visita

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Persoal e Seguridade, Manuel Sotelo, ambos en funciones, visitaron nestes días a nave e comprobaron que as dependencias se adaptan as necesidades dos efectivos que realizan esta importante labor. 

O Servizo Municipal de Emerxencias do Carballiño conta con persoal cualificado para calquera tipo de emerxencia e que se mantén en continua formación asistindo a diferentes cursos. De feito, nos últimos días recibiron formación en técnicas de excarcelación e extracción de vítimas en accidentes de tráfico. Tal e como asegurou Manuel Sotelo “este grupo de emerxencias está en continuo aprendizaxe para ofrecer o mellor servizo posible aos veciños e veciñas e conta cun persoal cualificado para atender calquera tipo de incidencia”. Este equipo, ademais de dar cobertura as emerxencias, tamén presta outros servizos como a limpeza das redes de saneamento ou o regado de rúas, entre outros.

Te puede interesar